A rapazada de Ribadumia entre actividades de deseño e impresión 3D

As sesións tiveron lugar os días 3, 4 e 7 de agosto, ofrecendo unha alternativa atractiva de carácter ocio-educativo
ocioescola
photo_camera A rapazada da Escola de Verán do Concello de Ribadumia nunha formación en robótica educativa e programación. DS

O servizo de conciliación do Concello de Ribadumia continúa ofrecendo alternativas de entretemento e diversión á pequena veciñanza do municipio. Este verán, como novidade, ofreceuse un proxecto ocio-educativo baseado nas novas tecnoloxías, creatividade, innovación e experimentación.

Durante os días 3, 4 e 7 de agosto, a rapazada da Escola de Verán do Concello de Ribadumia cursou unha formación en robótica educativa e programación, con actividades de deseño e impresión 3D. Durante estas tres sesións, fíxose un percorrido básico formativo onde o alumnado experimentou unha posta en contacto elemental coas novas tecnoloxías para a creación e a innovación. 

A formación levárona a cabo un total de 65 nenos e nenas de entre 8 e 12 anos, que asistiron a estas sesións de experimentación áxiles e estimulantes, onde a rapazada realizou pequenas prácticas de iniciación e experimentou con creacións máis complexas como a pilotaxe de drons. 

Poñer en valor o rural

Esta actividade enmárcase no proxecto Núcleos Rurais Sostibles do Salnés, cuxo obxectivo é a implementación de actividades culturais, educativas e divulgativas que dinamicen as contornas dos núcleos rurais de reducida poboación. Preténdese divulgar e xerar espazos de empoderamento cidadán a través da tecnoloxía, así como contribuír coa conciliación familiar e ofrecer unha alternativa atractiva de carácter ocio-educativo na etapa estival dos máis pequenos. 

O goberno local demostra así o seu firme compromiso coa cultura, a educación e o entretemento da pequena veciñanza de Ribadumia ofrecendo unha gran variedade de actividades e outras alternativas de ocio durante as vacacións de verán.