As xornadas culturais da ‘Lanzada de maio’ presentaranse este luns da man de Pepo Suevos

As xornadas propiamente ditas terán lugar os días 11 e 12 de maio, e contarán con música, animación polas rúas, queimada, actividades para os cativos e animación pola rúa
O colectivo organizador das xornadas culturais. DS
photo_camera O colectivo organizador das xornadas culturais. DS

O Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo acollerá este luns, 29 de abril (20.00 horas), o acto de presentación das Xornadas Culturais 2024 da ‘Lanzada de Maio’, un evento no que participarán os grupos e asociacións que terán presenza os vindeiros 11 e 12 de maio, cando se desenvolva a cita, conducido polos actores Pepo Suevos e Pablo Morón.

No evento proxectarase o vídeo O rito das nove ondas, gravado na pasada edición das xornadas, e diferentes representantes da organización e institucionais tomarán a palabra. Tamén haberá ‘photocall’, alfombra vermella e unha actuación a cargo de Tatana Teatro, baixo a dirección da actriz Fátima Rey.

As xornadas propiamente ditas comezarán o sábado 11, e incluirán música tradicional, exposicións e literatura. Entre as novidades, terá lugar unha mostra de loita de época a cargo do grupo Ulf Klan, e tamén haberá cantos de taberna, contacontos, queimada e animación pola rúa. Por outra banda, o domingo celebrarase unha homenaxe ao señor Otilio, o gaiteiro do Salnés, e tamén haberá unha misa e música tradicional de diferentes agrupacións.