A Deputación adxudica a urbanización da rúa Condesa en Barrantes

▶ A institución provincial financiará o 70% da actuación, que transformará o núcleo, e o Concello o 30% restante do total, que ascende a 650.000 euros
Concello de Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A urbanización da rúa Condesa, en Barrantes, está a piques de converterse en realidade. A  Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por preto de 650.000 euros o proxecto que transformará este núcleo e as áreas de estacionamento en Barrantes. Para acometer esta actuación, a Deputación achegará o 70% do orzamento, mentres que o Concello aportará o 30% restante.

Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, esta obra abrangue un tramo duns 300 metros no treito inicial da estrada EP-9506, que une Barrantes e Vilariño, e mellorará o núcleo urbano, permitindo gañar en seguridade viaria e mellorando así a mobilidade da veciñanza. En concreto, mediante esta actuación modificarase o trazado da nomeada rúa da Condesa e instalaranse beirarrúas máis amplas, de formigón coloreado. Do mesmo xeito, tamén se crearán zonas de estacionamento para dar servizo aos autobuses escolares que acceden ás instalacións deportivas da contorna e habilitaranse pasos de peóns sobreelevados para garantir a seguridade viaria. 

As obras na contorna completarase coa instalación de redes de telecomunicación e de drenaxe, e tamén se habilitarán diferentes zonas axardinadas, e dotarase ao espazo de novo mobiliario urbano e nova sinalización horizontal e vertical.