Ribadumia mellora os camiños e os equipamentos no lugar de Cabanelas

As obras lévanse a cabo no paraxe de Veitga de Soto e no de Cacheiras para mellorar a accesibilidade, seguridade e servizos en tramos con alta densidade de poboación
As obras de pavimentación na zona de Cabanelas xa están a executarse. DS
photo_camera As obras de pavimentación na zona de Cabanelas xa están a executarse. DS

Ribadumia continúa mellorando os camiños e os equipamentos do municipio; esta vez, na pavimentación e outras actuacións de camiños na zona de Cabanelas. Este proxecto planificouse co obxectivo de realizar unha serie de adaptacións en varios camiños para mellorar a accesibilidade, seguridade e servizos en tramos de viario situados en lugares con alta densidade de poboación..

As obras estanse levando a cabo en dúas zonas: no paraxe de Veiga de Soto e no paraxe de Cacheiras, en viarios que dan acceso a un importante número de residentes da zona.

A actuación na Veiga de Soto pretende executar o remate e pavimentación dun tramo de camiño municipal en ambas marxes do mesmo que se atopaban en terras. As obras previstas buscan dotar dun axeitado remate ás marxes do camiño coa pavimentación cun firme en aglomerado asfáltico en quente, para lograr a continuidade coa plataforma existente. Ademais, tamén se está a executar a rede soterrada de pluviais para a recollida de augas superficiais e das cubertas das edificacións, eliminando os tramos de cuneta.

Na zona de Cacheiras, acométese o remate superficial dun camiño de titularidade municipal con aglomerado asfáltico en quente. Neste mesmo lugar xa se levou a cabo unha actuación anteriormente para o ancheamento da plataforma do camiño, a definición de límites e a súa preparación para a pavimentación que se está acometendo nestes momentos.

A prioridade do Concello de Ribadumia é mellorar e satisfacer as necesidades de toda a veciñanza, así como aumentar a seguridade e a accesibilidade de todos os puntos do municipio. Este proxecto supuxo un investimento total de 95.140,58€, sendo 48.364,91€ aportados polo Plan Concellos 2022 e, a parte restante, investida polo Plan Concellos 2020.