O lugar de Portarís recibe unha mellora na recollida de augas pluviais

As actuacións teñen lugar en camiños de titularidade municipal na parroquia de Lois para satisfacer as necesidades da veciñanza, e mellorar a seguridade de vehículos e persoas
Mapa obras Portarís. DS
photo_camera Infografía do lugar das obras. DS

As parroquias do Concello de Ribadumia están sendo sometidas a continuos proxectos de melloras e acondicionamento. Lois é unha delas, onde o goberno local está a acometer actuacións dentro do proxecto de obras de melloras na recollida de augas pluviais no lugar de Portarís

Trátase dun viario que proporciona acceso a varias propiedades agrícolas e forestais, e conta con presenza dunha importante industria agropecuaria e algunha vivenda unifamiliar nos arredores. Esta localización é de titularidade municipal e, nela,  preténdese mellorar e proporcionar unha eficaz recollida de pluviais debido aos problemas recorrentes de desbordamentos de augas que se xeran nas cunetas e os problemas derivados de anegamentos en fincas lindeiras. 

As actuacións propostas leváronse a cabo en dous tramos de dito camiño: o primeiro, entronca coa estrada PO-300 e ten unha lonxitude aproximada de 125 metros e; o segundo, de carácter máis secundario, ten unha lonxitude aproximada de 170 metros. Neste segundo tramo é no que se sucedían desbordamentos de augas debido ao insuficiente sistema de recollida de augas pluviais. 

Para cumprir cos obxectivos, definiuse unha proposta integral e levouse a cabo unha recollida de pluviais mediante a execución dunha rede soterrada continua con elementos puntuais de recollida superficial, nos dous tramos de camiño, canalizando todas as augas da contorna cara a rede existente na estrada autonómica. 

As obras supuxeron un investimento de 41.857,81€ pertencentes ó Plan Concellos 2022.