A Deputación promete "desatascar" as actuacións nas estradas de Sanxenxo

Marcáronse como obxectivos prioritarios o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-9208 Noalla-Aios e a actuación de mellora da seguridade viaria na EP-9206 entre Portonovo –Vichona e rúa do Río
A xuntanza entre a deputada Isabel Couselo e o alcalde, Telmo Martín. DS
photo_camera A xuntanza entre a deputada Isabel Couselo e o alcalde, Telmo Martín. DS

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, vén de manter unha xuntanza co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e membros do Goberno local, entre os que tamén se atopaba o concelleiro da vila e deputado provincial, Marcos Guisasola, co obxectivo de abordar os proxectos en marcha e novas actuacións nas estradas provinciais ao seu paso polo municipio, que se comprometeu a "desatascar".

Deste xeito, na xuntanza entre ambas entidades marcáronse como obxectivos prioritarios o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-9208 Noalla-Aios, que conta cun orzamento de máis dun millón de euros. E, do mesmo xeito, tamén se acordou desbloquear a actuación de mellora da seguridade viaria na EP-9206 entre Portonovo-Vichona e rúa do Río, cuxo proxecto está xa nestes momentos modificándose no servizo de Infraestruturas da institución provincial.

Pola súa banda, Couselo salientou que o obxectivo do encontro foi o de "escoitar as prioridades do Concello de Sanxenxo en canto ás vías provinciais que atravesan o termo municipal" e, deste xeito, durante a xuntanza cos membros do Goberno local confirmou a vontade da Deputación de impulsar aqueles proxectos prioritarios do Goberno local. "Queremos desatascar actuacións que había en marcha nas estradas provinciais ao seu paso por Sanxenxo que non deron saído adiante e nós buscamos resolver canto antes, para que vexan a luz o máis rápido posible", asegurou.