A LXXII Festa do Albariño contará este ano con cámaras da Garda Civil

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu este venres a Xunta Local de Seguridade do Concello de Cambados acompañado do alcalde, Samuel Lago
A Xunta Local de Seguridade de Cambados. DS
photo_camera A Xunta Local de Seguridade de Cambados. DS

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu este venres a Xunta Local de Seguridade do Concello de Cambados acompañado do alcalde, Samuel Lago, na que se abordou o dispositivo para a celebración da LXXII Festa do Viño Albariño, que terá lugar do 31 de xullo ao 4 de agosto.

A xuntanza centrouse en avanzar no plan de seguridade dos festexos que, como novidade, incluirá este ano cámaras de vixilancia da Garda Civil.

Como en anteriores edicións, activaranse operativos especiais de tráfico, con controis de circulación nos accesos a Cambados, controis de alcoholemia e drogas e, doutra banda, instalarase tamén un Punto Lila, que servirá de espazo de información, prevención, asesoramento e axuda ante calquera caso de violencia machista ou discriminación sexual.

Na sesión tamén participaron o coronel xefe da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, a tenente da Garda Civil de Cambados, Reyes Peña, responsables de Tráfico, e o xefe da Policía Local, Jesús Chan, entre outras autoridades e mandos policiais aos que Losada lles amosou a súa satisfacción polo "clima de colaboración total".