Carmela Silva pon en valor o "excepcional labor social e cultural" da Asociación O Castro

A presidenta provincial compartiu tempo e conversas en Baión co voluntariado da entidade e coas persoas maiores e con diversidade funcional que atende o colectivo cos seus proxectos
Carmela Silva visita las instalaciones de la Asociacion Culural O Castro de Baion. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Visita de Carmela Silva as instalacións da Asociación. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

“Unha labor excepcional a nivel social e cultural que é un exemplo a seguir e un modelo nesta provincia”. Deste xeito enxalzou este martes unha emocionada Carmela Silva o traballo que desenvolve a Asociación O Castro de Baión, en Vilanova, cuxas instalacións puido visitar esta tarde e nas que compartiu tempo e conversas con varias persoas maiores e persoas con diversidade funcional que atende este colectivo a través da súa rede de voluntariado, que supera o medio centenar de persoas e cuxa traxectoria valeulle o Premio Galicia de Voluntariado o pasado 2022. A presidenta provincial foi recibida pola directiva da entidade, encabezada por José Sabarís, que agradeceu “esta importante visita para nós”, lle ensinou as instalacións e compartiu os diferentes proxectos que desenvolve este colectivo que agrupa a preto de 2.500 socios e socias, así como as súas vindeiras iniciativas, entre as que figura a creación dun espazo multinclusión no seu local, no que vai colaborar a Deputación.

Da man das persoas voluntarias, Carmela Silva puido coñecer o seu labor e conversar con varias das persoas atendidas nas unidades coas que conta a asociación. En concreto, O Castro traballa con 25 persoas maiores, cunha idade media de 80 anos, ás que recibe na Casa da Cultura e cos que realizan exercicio, manualidades e tamén unha importante labor de acompañamento e escoita. Amais, tamén traballa cunha decena de persoas con diversidade funcional intelectual da asociación Con Eles de Vilagarcía, coas que as e os voluntarios reúnense para realizar diversas actividades. O labor social é unha das seccións do colectivo, xunto á de medio ambiente e a de mulleres, nas que desenvolve unha programación específica. Amais, o colectivo segue a realizar unha intensa actividade cultural, mantendo unha coral, rondalla, un grupo de danza, pandereteiras ou tamén de teatro entre outras. 

“Toda esta actividade é exemplar e sae dun colectivo que leva tres décadas traballando polos e polas demais –subliñou a presidenta provincial-. Creo que hai que poñer moito en valor todo o que están a conseguir, todo o seu empeño por mellorar a vida da xente que lles rodea e sempre da man dun voluntariado tamén modélico. O Castro é unha mostra perfecta do que significa vivir en sociedade, compartir e sempre preocuparse polo benestar das persoas máis próximas de forma altruísta”.

A presidenta, que asinou no libro de visitas e recibiu como agasallo unha placa realizada por usuarias e usuarios do colectivo Con Eles que amosa unha man unida a outra en forma de corazón, así como unha cesta de vimbio realizada a man por unha voluntaria e con produtos caseiros tamén elaborados por persoas  voluntarias, puido coñecer tamén as próximas iniciativas que busca desenvolver O Castro. Entre elas, a creación dun espazo multinclusión no local social, para o que ten a colaboración da institución provincial, a fin de convertelo “no salón dos socios e socias” da asociación. 

“Será un área para a aprendizaxe e as experiencias de formación, buscando unha alternativa altamente accesible e utilizable que nos proporcione un espazo físico de encontro, formación, traballo e exposición”, sinalan na súa proposta. Un espazo amable e dinámico que, como subliñan, lles permita acomodalo a intereses de formación, de lectura, de ensaios, de mesas redondas, pero que tamén para outras accións puntuais coma cursos e obradoiros ou exposicións. “Trátase non só un lugar que nos provea soamente de libros, senón mais ben de experiencias que impulsen a inclusión e a socialización onde teñen cabida actividades diversas, onde se axude ás persoas usuarias a construír a súa identidade social e de paso, mellorar a súa identidade persoal”.