Vilagarcía concede a licenza para a construción do novo Centro de Saúde

Ravella confía en que a Xunta de Galicia "corresponda licitando a obra de inmediato"
Infografía do novo Centro de Saúde de Vilagarcía. DS
photo_camera Infografía do novo Centro de Saúde de Vilagarcía. DS

O Concello de Vilagarcía vén de aprobar a concesión da licenza para a construción dun novo Centro de Saúde na avenida da Mariña. Este permiso foi tramitado este xoves no Consello da Xerencia de Urbanismo e, xunto á firma da pasada semana para a cesión de dos terreos ao Sergas, o próximo paso será a licitación das obras, un trámite co que o Goberno local espera que "a Xunta amose a mesma axilidade" e se realice "inmediatamente".

O alcalde, Alberto Varela, mostrouse orgulloso de que, "despois dos anos que levamos xestionando, negociando e facendo os trámites para que esta demanda histórica poida cumprirse, o traballo máis duro xa está feito". Tal e como explicou o rexedor, "simplemente queda executar unha actuación que xa ten proxecto técnico e construtivo, e os fondos europeos para financiar a obra". 

Por iso, o alcalde solicita ao Executivo galego que "tal como fixo o Concello, cumpra con dilixencia e con celeridade a súa parte do acordo acadado". Varela lembra que os responsables da Xunta de Galicia anunciaran que a obra sería licitada no mes de febreiro, "pero seguimos esperando, e os fondos europeos teñen un prazo de execución determinado", apunta o alcalde vilagarcián.

A construción do Centro de Saúde está presupostada nuns 14 millóns de euros e, segundo as previsións anunciadas o ano pasado pola Xunta de Galicia, o edificio debería estar rematado en 2026. Tras a construción, o Goberno autonómico terá que dotalo de mobiliario, dos equipos técnicos e do persoal, aspecto que o Concello espera "que se reforce, dada a precaria situación na que se atopan o plantel do ambulatorio e o PAC de San Roque".

A construción desta infraestrutura sanitaria leva anos xestionándose. Despois das negociacións a tres bandas que concluíron coa firma dun protocolo de colaboración entre o Concello, a Autoridade Portuaria e o Sergas, Ravella adquiriu o solar da antiga comandancia por 1.157.406 euros, demoleu a edificación existente tras investir outros 150.000 euros e, a continuación, puxo os terreos a disposición da Xunta. Co proxecto xa redactado, o seguinte paso será a licitación.