A Xunta recibe 2 ofertas para a instalación da iluminación na senda entre Vilanova e Vilagarcía

A intervención, licitada por máis de 260.000 euros, permitirá actuar no itinerario peonil executado nesta vía autonómica en Corón cun investimento de 1,1 millóns
Senda peatonal en la PO-549. DS
photo_camera Luis López, Gonzalo Durán e Javier Tourís nunha visita anterior as obras na senda da PO-549. DS

A Xunta recibiu 2 ofertas para executar as obras de renovación e instalación de iluminación na senda da estrada PO-549, ao seu paso por Corón, en Vilanova de Arousa.

Esta intervención, licitada por máis de 260.000 euros, permitirá actuar no itinerario peonil executado nesta vía autonómica en Corón cun investimento de 1,1 miillóns de euros.

O obxectivo é a instalación de iluminación entre os puntos quilométricos 2+600 e 5+230 e entre os quilómetros 7+800 e 8, coa retirada dos báculos existentes e a colocación doutros novos na marxe dereita da calzada, cunha separación aproximada de 40 metros.

Cada punto de luz proxectado está composto por unha columna de 9 metros de altura, de sección circular, en aceiro ao carbono cun brazo de 1 metro, no que se coloca unha luminaria de SETGA ou equivalente, de 105 W de potencia, con corpo de aluminio extruído.

Disporase tamén de iluminación específica nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos da PO-549: 3+400, 4+600 e 7+850, onde se proxecta a instalación de dous puntos de luz de reforzo para cada un dos pasos de peóns, con puntos de luz formados por columnas de ata 6 metros de altura, de estrutura cilíndrica en aceiro ao carbono, con brazo orientable, nas cales se instalarán luminarias, con 36 LED de alto rendemento.

No marco do contrato, inclúese a execución da canalización necesaria para a instalación do cableado e as actuacións complementarias de demolición de cimentacións de báculos existentes.

Tamén se reporá o pavimento na beirarrúa e na senda, así como os bordos que se vexan afectados por esta intervención. 

Cómpre lembrar que a senda habilitada na PO-549, ao seu paso por Corón, financiada con Fondos React-UE, comprende un treito de 3,27 quilómetros, dos que os 500 primeiros metros se corresponden co termo municipal de Vilagarcía de Arousa.