A Xunta propón a conexión dun viario de concentración parcelaria coas estradas PO-531 e PO-301

O Diario Oficial de Galicia publica este venres o trámite administrativo dunha actuación que ten como obxectivo darlle funcionalidade a esa vía como alternativa á estrada da deputación Baión-András, mellorando a seguridade e a mobilidade dos veciños
Trazados do vial de concentración parcelaria e  da EP-9701, entre a PO-301 e a PO-531. DS
photo_camera Trazados do vial de concentración parcelaria e da EP-9701, entre a PO-301 e a PO-531. DS

A Xunta publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de conexión dun viario de concentración parcelaria, situado no concello de Vilanova de Arousa, coas estradas autonómicas PO-531 e PO-301.

O obxectivo deste proxecto, que suporá un investimento autonómico de máis de 620.000 euros, é darlle funcionalidade a ese viario, como alternativa á estrada provincial EP-9701, Baión-András, a través da execución duns entronques coas estradas autonómicas PO-301 e a PO-531.

Trátase de unir as estradas autonómicas PO-301, PO-300 e PO-531, que son vertebradoras do territorio do Salnés, con tráficos importantes nos treitos obxecto desta actuación, partindo da intersección da estrada PO-300 coa PO-301 en Ponte Arnelas e tendo como punto final a estrada PO-531 no seu punto quilométrico 17+180.

Co procedemento que anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación. As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto, por un prazo de 30 días hábiles, a contar dende este sábado.

A previsión da Xunta é poder aprobar o proxecto no outono, para a finais de ano poder realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras no primeiro trimestre de 2025. O prazo de execución das obras é de 12 meses.

Este proxecto procura a mellora da seguridade viaria, tanto dos vehículos como das persoas que viven a carón da vía provincial, que verá diminuído o seu tráfico, ao aproveitarse todo o potencial dese novo viario. 

Para a configuración das interseccións, no caso da estrada PO-531, o proxecto que se somete hoxe a información pública propón a conexión mediante un cambio de sentido con carril central de espera, á altura do quilómetro 17+180 da vía autonómica. A semiglorieta terá 5 metros de radio exterior con carril central de espera de 3 metros de ancho, e o carril será de 4 metros de ancho.

A vía de conexión entre as interseccións e o viario de concentración parcelaria terá dous carrís de 3 metros de ancho e na estrada PO-301 terá ademais beirarrúas de 2 metros de ancho.

No referente á conexión coa PO-301 e a PO-300, o novo eixe conectarase á glorieta existente no cruce das estradas PO-301 e PO-300 coa estrada provincial EP-9511. A glorieta modificarase, pasando dunha morfoloxía circular actual a unha oval. Terá 21 metros de eixe maior e 14 de eixe menor. Disporá de 2 carrís de 4 metros de ancho con 2 beiravías, gorxal interior adoquinado de 1,40 metros de ancho e illa central con céspede natural.

Na intervención, ademais, prevese a construción de muros de contención para reducir a ocupación do terraplén no caso da PO-531 e para evitar a afección ao río existente na contorna da PO-301.

Tamén se prevé a prolongación de obra de drenaxe ao paso do río baixo a glorieta de Ponte Arnelas e a reposición  das beirarrúas que resulten afectadas polas obras.

Ademais, adecuarase a sinalización, tanto horizontal como vertical, á nova  configuración da vía. Así mesmo, nas zonas nas que exista desnivel na marxe, tanto na conexión da estrada PO-531 como na PO-301, disporanse sistemas de contención na marxe do novo viario.