Literatura, música, folclore e cine para celebrar o Mes das Letras en Vilagarcía

O Concello ofrecerá ao longo de maio unha programación para todas as idades adicada á obra de Luísa Villalta
A ofrenda floral a Rosalía de Castro en Carril polo Día das Letras Galegas de 2023. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A ofrenda floral a Rosalía de Castro en Carril polo Día das Letras Galegas de 2023. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Cultura de Vilagarcía desenvolverá ao longo do mes de maio unha ampla programación con motivo das Letras Galegas e coa finalidade de homenaxear a obra de Luísa Villalta, a autora á que a Real Academia Galega dedicou á celebración deste ano. Contacontos, cine e baile tradicional son algunhas das actividades programadas para divulgar a obra desta creadora.

Nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, Luísa Villalta Gómez, foi unha escritora, filóloga e violinista que escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio e artigo e tamén fixo traducións.

Os nenos e nenas serán os encargados de inaugurar o programa de actos con dous espectáculos infantís baseados en textos da autora homenaxeada. O primeiro, o sábado 4 de maio, terá lugar ás 12.30 horas no Salón García e consistirá na narración oral e de monicreques Isaura e Tristán, creada pola compañía Urdime a partir do libro de Villalta As chaves do tempo.

O segundo terá lugar o sábado 11 no Auditorio, tamén a partir das 12.30 horas. Neste caso será a cargo da compañía Polo Correo do Vento, que porá en escena Tinta de Mar. Pequena Biografía de Luísa Villalta, unha actividade de contacontos ilustrados baseada no libro sobre a escritora homenaxeada.

O mesmo sábado 11 o Auditorio acollerá a cita co folclore tradicional: o XVI Festival das Letras Galegas Nós de Sobradelo. A partir das 19.00 horas, as formacións participantes irán pasando polo escenario para interpretar o repertorio preparado para a ocasión. Como convidada estará o grupo da A.C.D. Dorna da Illa de Arousa.

As actividades escolares tamén teñen espazo na programación das Letras Galegas cun acto conxunto que se desenvolverá o xoves, 16 de maio, a partir das 11.00 horas no Auditorio. Alí, alumnado de distintos centros da cidade renderán homenaxe a Luísa Villalta cos seus traballos e espectáculos.

Os amantes do cine e das producións galegas, terán ese mesmo día a oportunidade de ver unha das películas máis premiadas o ano pasado: Matria. A proxección, coa colaboración do Cine Club Ádega, comezará ás 20.30 horas.

O 17 de Maio, o propio Día das Letras Galegas, o programa centralizarase en Carril. Os actos comezarán ás 11.00 horas cun pasarrúas e continuarán co baile tradicional da Escola Gato Negro e Malveiras. Realizarase a ofrenda floral a Rosalía de Castro e un concerto de Xosé Duarte na Praza da Liberdade.

Todo isto complementarase coa exposición bibliográfica sobre Luisa Villalta na nova Biblioteca Rosalía de Castro.