A Xunta concede novos carnés de voluntarios de Protección Civil a varias agrupacións

O delegado territorial participou na entrega de 31 carnés, dos cales 26 foron para a agrupación de Ribadumia
Agustín Reguera presidiou o acto de entrega dos novos carnés de voluntarios de Protección Civil en Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Agustín Reguera presidiou o acto de entrega dos novos carnés de voluntarios de Protección Civil en Ribadumia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou na mañá deste venres no acto de entrega dos novos carnés de voluntarios a integrantes das Agrupacións de Protección Civil dos municipios de Ribadumia, Moraña, Tui, Portas e Vilaboa, nun acto celebrado na casa do concello de Ribadumia. 

O delegado, acompañado polo alcalde da localidade, agradeceu o gran traballo que realizan estas agrupacións de forma totalmente voluntaria e asegurou que “o mínimo que podemos facer dende as administracións é recoñecer o voso esforzo e valentía e poñer todos os medios á vosa disposición”. 

No acto entregáronse un total de 31 carnés, dos cales 26 foron para as novas incorporacións da agrupación de Ribadumia. 

O delegado territorial quixo felicitar un por un a todos os asistentes e insistiu en “non esquecer que hai apenas dous anos, mentres todos tíñamos medo de saír á rúa, os voluntarios e voluntarias de protección civil fixeron un traballo impagable en moitos concellos, poñendo o benestar dos seus veciños por diante da súa propia seguridade”.