O Magosto de Ribadumia despacha 120 kilos de castañas para 500 veciños

Durante toda a xornada, as familias gozaron da oferta de xogos populares e dun espectáculo humorístico e musical grazas ao Dúo Los Dinámicos
Magosto de Ribadumia 2023. DS
photo_camera Novos e maiores desfrutaron do Magosto de Ribadumia. DS

A pasada fin de semana celebrouse, diante da Casa de Cultura de Ribadumia, o tradicional Magosto. A festividade resultou ser todo un éxito, tanto no relativo á organización coma na afluencia de asistentes malia ás difíciles condicións atmosféricas vividas durante a tarde do sábado. 

A festa comezou ás 17.30 horas, e a afluencia de público na Casa de Cultura comezou xa dende ese momento coa posta en marcha dos xogos populares instalados dentro da carpa. A choiva e o vento non importaron, pois o recinto estaba chea de xente de todas as idades. Dende as 18.00 horas, e durante toda a tarde, serviuse chocolate quente e rosca. A partir das 19.30 horas, foi a quenda dos cucuruchos de castañas asadas

A veciñanza puido gozar de toda a velada coa compañía do Dúo Los Dinámicos, cos que bailaron e cantaron durante toda a tarde e que tamén fixeron deste evento todo un éxito. Durante a tarde montouse toda unha feira, e os nenos e nenas foron os grandes protagonistas: gozaron de voltas en coches de choque inventados polo dúo e tiveron sesión de karaoke. 

Este ano, as cifras de asistentes constatan o éxito que se colleitou o ano pasado. Foron máis de 500 os veciños e veciñas e visitantes que acudiron a Ribadumia o sábado 11 de novembro, e despacháronse, gratuitamente, 120kg de castañas, 95 litros de chocolate quente e 40kg de rosca, sen apenas quedar sobrantes. Todo isto fai que se valore esta edición como un éxito.