O Goberno local mellora as instalacións térmicas nos CRA do municipio

Estas instalacións realizan un importante labor no día a día do municipio tanto durante o curso escolar como na tempada estival de vacacións ▶ En total, estas actuacións supuxeron un investimento de 72.761,89 euros

Escola de Leiro (Sede del CRA de Ribadumia). CEDIDA
photo_camera Escola de Leiro (Sede do CRA de Ribadumia). DS

As instalacións e edificios municipais están sometidas a continuos procesos de coidado e melloras, como é o caso das instalacións térmicas dos Colexios Rurais Agrupados (CRA) do Concello de Ribadumia e do Centro Social de Lois. Actualmente, estanse rematando as obras de mellora e instalación de bombas de calor nesta localización. As actuacións supuxeron un investimento de 72.761,89 euros a través dunha achega do Fondo de Cooperación Local Adicional, que aportou o 72%. 

Os CRA de Ribadumia son unha das instalacións máis empregadas do municipio, ben sexa polos nenos e nenas que fan uso delas durante o curso escolar, algunha actividade programada, ou mesmo a Escola de Verán, que por exemplo fai uso do CRA da parroquia de Ribadumia e do Centro Social de Lois. 

O obxectivo principal destas obras é mellorar o sistema de calefacción existente coa substitución dos elementos de xeración de calor actuais (caldeira de gasoil) por outra solución máis eficiente, instalando unha bomba de calor aire-auga reversible. Con esta adquisición, asegúrase un uso racional da enerxía e un funcionamento ecolóxico debido ao emprego de refrixerante non prexudicial para o medio ambiente.  

Os propósitos do Concello de Ribadumia continúan levándose a cabo a través da mellora e do acondicionamento de todas as instalacións municipais. Desta forma, preténdese tamén acadar un óptimo servizo e reducir o consumo da instalación por tratarse dun equipamento moi utilizado diariamente por toda a pequena veciñanza do municipio.