Reformas nas instalacións térmicas da Casa de Cultura de Ribadumia

O investimento destas obras alcanza un montante de 41.680,57 euros
Casa da cultura de Ribadumia. DS
photo_camera Casa da cultura de Ribadumia. DS

As instalacións e edificios municipais están sometidas a continuos procesos de coidado e melloras, como é o caso das instalacións térmicas da Casa de Cultura de Ribadumia. Actualmente, estanse rematando as obras de mellora e instalación de bombas de calor nesta localización. As actuacións supuxeron un investimento de 41.680,57 euros a través dunha achega do Fondo de Cooperación Local Adicional, que aportou o 72%. 

A Casa de Cultura de Ribadumia é unha instalación moi concorrida no municipio durante todos os días do ano, pois faise uso dela para asistir á Biblioteca Municipal, celébranse actos culturais, faladoiros e xornadas, e incluso fan uso delas os nenos e nenas da Escola de Verán do Concello de Ribadumia e os usuarios do Fogar dos Maiores. 

O obxectivo principal destas obras é mellorar o sistema de calefacción existente coa substitución dos elementos de xeración de calor actuais por unha solución máis eficiente, instalando unha bomba de calor aire-auga reversible. Con esta adquisición, acadaranse unhas óptimas condicións de confort interior, redúcese o consumo de enerxía e asegúrase un funcionamento ecolóxico debido ao emprego de refrixerante non prexudicial para o medio ambiente.  

Os propósitos do Concello de Ribadumia continúan levándose a cabo a través da mellora e do acondicionamento de todas as instalacións municipais. Desta forma, preténdese tamén acadar un óptimo servizo e reducir o consumo da instalación por tratarse dun equipamento moi utilizado diariamente por toda a pequena veciñanza do municipio.