O Auditorio de Ribadumia acolle esta fin de semana diversas citas culturais

A Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia celebrará o seu concerto de Santa Icía e continuará o ciclo de teatro coa representación ‘O enfermo imaxinario’, do grupo Teatro no Garaxe
Auditorio municipal de Ribadumia. ATAQUILLA
photo_camera Auditorio municipal de Ribadumia. ATAQUILLA

A programación cultural de novembro no Auditorio do Concello continúa esta fin de semana con contidos musicais e representacións teatrais. Este sábado, a partir das 21:00 horas, terá lugar o concerto de Santa Icía da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia. A entrada será libre e poderá asistir toda a veciñanza da localidade e arredores que queiran escoitar o que a agrupación lles ten preparado.

Ademais, este evento é de carácter solidario, pois colaboran coa Asociación de Atrofia Muscular Espinal - GaliciAME a través da recollida
de donativos cun peto instalado na entrada do edificio. Todo o recadado destinarase a ‘Destino Corea’, unha iniciativa cuxo obxectivo é axudar a Merchi Álvarez a continuar o seu tratamento no país asiático.

O domingo, ás 19:00 horas, o grupo Teatro no Garaxe, porá en escena ‘O enfermo imaxinario’, unha célebre comedia escrita por Molière. Esta
representación, apta para público familiar de corte humorístico e satírico, critica o negocio da medicina e fará unha reflexión sobre como o medo impide ás persoas gozar da vida.

Ambas citas son de balde e ata completar o aforo do Auditorio. Ademais, durante o resto do mes, o Auditorio Municipal ofrecerá máis programación teatral e musical.

Con esta variedade de eventos, o Concello de Ribadumia pretende ofrecer diferentes opcións de entretemento para todos os gustos e idades, onde a veciñanza e achegados poidan gozar de fins de semana animadas no municipio.