A Deputación financia dous proxectos de modernización en instalacións deportivas no Grove e Vilanova

Cun investimento de máis de medio millón de euros, no Grove actuarase no pavillón do CEIP Plurilingüe Conmeniño, e en Vilanova no campo de fútbol de Pontearnelas
Luis López durante a rolda de prensa na que explicou o acordo. DS
photo_camera Luis López durante unha rolda de prensa da Deputación. DS

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novos recursos no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas que, unidos aos fondos do Plan +Provincia, permitirán financiar integramente dous proxectos de modernización de instalacións deportivas no Grove e Vilanova, onde investirá máis de medio millón de euros

No caso do Grove, a Deputación de Pontevedra financiará o 100% do acondicionamento do pavillón de deportes do CEIP Plurilingüe Conmeniño, que ascende a 303.000 euros dos cales 214.000 proveñen do Plan +Provincia e 73.000 do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Neste espazo, que se atopa na actualidade en mal estado de conservación, procederase a substituír a cuberta, a aplicar un morteiro acrílico no exterior e a construír unha rampla de acceso.

Pola súa banda, en Vilanova de Arousa a institución provincial investirá 226.000 euros (156.149 € do Plan +Provincia e 70.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas) no cambio do céspede artificial do campo de fútbol de Pontearnelas por un de nova xeración. Será un sistema de céspede artificial de fibra monofilamento bicolor (verde claro e escuro), con marcaxe branca, segundo as normas da RFEF, do mesmo material que o resto do céspede. Os traballos inclúen a desmontaxe do céspede actual e do equipamento deportivo, a regularización do pavimento asfáltico, a limpeza do sistema de drenaxe, o subministro e instalación do novo céspede e a montaxe do equipamento deportivo.