O Auditorio municipal de Ribadumia acolle en novembro un ciclo de teatro

Ademais, o mes de novembro ofrecerá á veciñanza unha programación chea de música e humor para achegar ao Auditorio diferentes perfís de visitantes en idades e gustos

Auditorio municipal de Ribadumia. ATAQUILLA
photo_camera Auditorio municipal de Ribadumia. ATAQUILLA

A programación de novembro no Auditorio de Ribadumia continúa esta fin de semana coa obra de teatro Amoríos en Concal, interpretada polo grupo Súa Vila. O domingo 13, desde as 19:00 horas, os veciños e veciñas que se acheguen ata o Auditorio serán testemuñas dunha historia que contará, en clave humorística, a formalización das relacións entre mozos e mozas na Galicia dos anos 50 e 60.

O domingo 20 de novembro ás 19:00 horas, o grupo Teatro no Garaxe, porá en escena a obra O enfermo imaxinario, a célebre comedia escrita por Molière. Esta representación apta para público familiar de corte humorístico e satírico critica o “negocio” da medicina e fará unha reflexión sobre como o medo impide ás persoas gozar da vida. 

O domingo 27 de novembro, ás 19:00 horas, no Auditorio estará presente a produtora De Ste Xeito coa obra Feminíssimas, que mostrará a visión de tres amigas que teñen distintas maneiras de entender o feminismo. Esta obra de teatro entraña altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres se analiza (desde a comedia) de que maneira as mulleres están a convivir neste novo mundo. Trátase dunha actuación indicada para público adulto.

Todas as obras deste mes serán de balde e ata completar o aforo do Auditorio. Ademais, durante o resto do mes, os veciños e veciñas do municipio e arredores poderán gozar dun concerto a cargo da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e outras actuacións musicais ou de humor que o Auditorio ten preparadas. Con esta variedade de eventos durante todo o mes, o Concello de Ribadumia pretende ofrecer diferentes opcións de entretemento para todos os gustos e idades, onde todos os veciños e veciñas e achegados poidan gozar de fins de semana animadas no municipio.