As obras de pavimentación e mellora da seguridade vial costarán 824.365 euros

A empresa adxudicataria destes traballos, que sairon a licitación en tres lotes, rematará os traballos antes do verán
Carlos Viéitez visitou as obras de pavimentación e mellora da seguridade vial de Meaño. DS
photo_camera Para Carlos Viéitez o inicio destas obras supón cumprir cun compromiso adquirido coa cidadanía. DS

A renovación integral da rede viaria do municipio de Meaño coincidirá co inicio desta semana festiva. O luns persoal da empresa adxudicataria comezará coas primeiras labores de acondicionamento dos viais para proceder a executar uns traballos adxudicados en tres lotes diferentes á empresa COVSA, que acadou a maior puntuación nun proceso no que pesou a calidade dos materiais aportados e as melloras ofertadas.

A renovación, en conxunto, supera os 824.365 euros que permitirán executar un proxecto integral de pavimentación e mellora da seguridade vial en estradas do municipio situadas nas parroquias de Dena (As Cachizas, Seixiños-Rúa Nova-Rúa dos Colexios, Ameiró, Altamira, dúas pistas en Viliquín e outras dúas en Dadín), Padrenda, Covas, Xil, Meaño, Simes (dúas pistas no lugar de A Igrexa e a que une Axís co alto de O Sifón) e Lores ( San Benito e Pedroño). A actuación consiste non só na mellora da capa de rodadura, tamén inclúe a habilitación de espazos seguros para os peóns e a colocación de elementos reductores de velocidade. Está previsto que os traballos rematen antes do verán.

A protección peonil é unha constante nestes tres proxectos que comezarán de xeito paralelo e que contemplan a zona de adoquinado nos entornos de lugares emblemáticos e de afluencia peonil, como as iglesias. Destacar as humanizacións nos tramos: vial acceso capela San Benito de Lores; vial acceso igrexa de Padrenda; vial próximo á igrexa de Simes; zona entrada colexio Coirón Dena; zona centro saúde de Dena; un tramo no vial das Cachizas, un tramo en Ameiró, que terán preferencia peonil polo que levarán un asfaltado e plataforma hormigonada con alternancia de franxas adoquinadas que faciliten un lento tráfico rodado. A seguridade peonil reforzarase tamén coa mellora da elevación da calzada.

Esta actuación forma parte do proxecto global do equipo de goberno de renovación da rede viaria interna de Meaño para mellorar a cohesión do territorio e facilitar unha comunicación fluida e segura entre as parroquias e os núcleos máis poboados, así como coas principais arterias de comunicación que vertebran a bisbarra.

Para Carlos Viéitez, alcalde de Meaño, o inicio destas obras supón cumprir cun compromiso adquirido coa cidadanía, xa que para os municipios rurais a dotación de servizos básicos é unha das claves para fixar poboación e afrontar con certa solvencia o reto demográfico. “Queremos un pobo seguro para os nosos peóns, pero tamén competitivo para as empresas e xenerador de postos de traballo; e un dos puntos básicos neste obxectivo é contar cunha rede viaria segura e actual”.