A Deputación destina 760.000 euros para políticas sociais na contorna do Salnés

Os recursos, para concellos de menos de 20.000 habitantes, enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e nas Axudas Básicas de Emerxencia para 2024
G
photo_camera Pleno da Deputación de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Deputación acaba de aprobar achegas por valor de 760.000 de euros para facer fronte a políticas sociais na totalidade dos concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna do Salnés. Os recursos enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e nas Axudas Básicas de Emerxencia para 2024, que contan cun orzamento global de 3,6 millóns de euros, do que deu conta o presidente da Deputación, Luis López, en conferencia de prensa.

No relativo á primeira convocatoria, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación aproba 635.452 euros para estes concellos. Destes recursos, 250.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e 385.000 euros a cubrir os custos do persoal dos Servizos Comunitarios.

En concreto, A Illa de Arousa recibe 21.069 euros, Cambados 69.385 €, Catoira 28.694 €, Meaño 69.757 €, Meis 44.596 €, O Grove 66.978 €, Pontecesures 35.038 €, Ribadumia 36.654 €, Sanxenxo 101.683 €, Valga 57.346 € e Vilanova 104.248 €.

No que respecta á segunda liña de subvencións, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial aprobou 124.800 euros, para que os concellos da contorna do Salnés poidan atender ás demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, A Illa de Arousa benefíciase de 7.800 euros, Cambados de 12.800 €, Catoira 9.300 €, Meaño 11.800 €, Meis 9.300 €, O Grove 13.300 €, Pontecesures 9.300 €, Ribadumia 11.800 €, Sanxenxo 13.800 €, Valga 11.800 € e Vilanova de Arousa 13.800 €.