Meaño reforza a seguridade peonil na contorna do CEIP As Covas e o Centro de Saúde

Adxudica a redacción do proxecto para a ampliación da rúa Herminia Fariña por 34.472 euros
Melloras da segurade peonil na contorna do CEIP As Covas e o centro de Saúde de Meaño. DS
photo_camera Zona na que se van levar a cabo os traballos de mellora da seguridade vial. DS

O Concello de Meaño da un paso adiante no proxecto de ampliación da rúa Herminia Fariña, un vial sen saída que conecta co centro de saúde e co CEIP As Covas, coa adxudicación do proxecto á empresa Enurcoin SL por un importe de 34.472 euros.

Trátase dun traballo técnico que marcará o trazado e as características da mencionada estrada, recollendo as afectacións ás parcelas particulares e as expropiacións necesarias para
a execución dunha ampliación que busca garantir a seguridade viaria e dos peatóns.

O alcalde, Carlos Viéitiez,  insiste na importancia de mellorar este punto sen saída debido á intensidade de tráfico que rexistra e que en horas puntas se complica pola presenza dos autobuses escolares. Tanto do centro escolar como do centro de saúde derívase unha importante afluencia de peóns por esta estrada, polo que para Carlos Viéitez resulta prioritario acometer esta reestruturación.

Recorda o alcalde que o goberno local xa sacou a licitación os traballos de redacción do proxecto o ano pasado, quedando deserto trala revisión aportada pola empresa que concurriu, o que obrigou a realizar unha nova convocatoria.

A obra, que precisará un investimento posterior superior aos 364.000 euros, conlevará tamén unha remodelación da pequena praza Herminia Fariña, presidida por unha escultura en pedra da poetisa coa que o Concello de Meaño rende tributo permanente á artista local.

“Estamos transformando a rede viaria de Meaño cuns criterios claros de humanización e mellora da seguridade dos peóns; e nesta estrada sen saída é tamén urxente acometer estos traballos, xa que son moitas as persoas que camiñan para ir ao médico e os rapaces que fan andando ese tramo”, apunta Carlos Viéitez.