O Salnés gañará máis de 45.000 m2 de espazo público para as persoas

A Rede Ágora ten en carteira 27 actuacións que suporán un investimento de 14 millóns
Acto de celebración de ‘Tres anos de Rede Ágora’. DS
photo_camera Acto de celebración de ‘Tres anos de Rede Ágora’. DS

A comarca do Salnés gañará máis de 45.000 metros cadrados de espazo público para as persoas unha vez se executen todos os proxectos subvencionados con axudas da Rede Ágora do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación.

Este dato foi divulgado polo deputado Uxío Benítez tras desagregar o informe xeral presentado esta semana no acto de celebración de Tres anos de Rede Ágora, que revelou que na provincia o número total de metros gañados para a veciñanza ascenderá a 340.000.

No Salnés transformaranse 93.615 metros cadrados, que pasarán de dispoñer dun espazo peonil previo de 20.727 metros cadrados a 66.950. Esta renovación e recuperación do espazo urbano implicará un investimento de máis de 14 millóns de euros.

A liña de axudas da Rede Ágora concedeu fondos ao Concello de Sanxenxo para a redacción do proxecto do soterramento do tráfico rodado para a humanización da plataforma superior do paseo da praia de Silgar na primeira convocatoria; para redactar a humanización das rúas Barrosa, Virxe do Carme e Infantería da Mariña, en Baltar, así como a humanización do núcleo do Outeiro, en Dorrón, na segunda convocatoria.

Na última, pechada en decembro de 2022 e en fase de estudo, pediuse axuda para ampliar o Outeiro en Dorrón, para humanizar o núcleo de Padriñán, Magaláns, Aios, así como para a humanización na Granxa de Abaixo e facer unha senda peonil de baixada a Area de Agra.

Vilagarcía recibiu na primeira convocatoria 100.000 euros para as obras de humanización da rúa Arzobispo Lago. Na segunda convocatoria recibiu axuda para o proxecto de humanización da avenida da Mariña na contorna da Praza da Peixería, para a humanización e mellora da accesibilidade na rúa Conde Vallecano, e para a recuperación da fachada marítima. Na última convocatoria concedeuse axuda para a humanización da rúa Bouza de Abaixo en Vilaxoán, para a peonalización e humanización da rúa Vicente Risco nun treito da Praza de España, e para a mesma actuación na rúa Esperanza.

Tamén recibiron axudas os concellos de O Grove, Meis, Meaño e Cambados. Este último se adheriu á Rede Ágora nos últimos meses.