A Deputación investirá 140.000 euros na mellora de camiños en Cambados

O presidente provincial, Luis López, reuniuse co alcalde Samuel Lago na que lle avanzou esta subvención que aprobará a Xunta de Goberno este venres e repasaron os investimentos provinciais no concello, que superan os 1,1 millóns, case 110.000 euros máis que no 2023
Samuel Lago e Luis López durante a reunión celebrada no Pazo Provincial. DS
photo_camera Samuel Lago e Luis López durante a reunión celebrada no Pazo Provincial. DS

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao alcalde de Cambados, Samuel Lago, un apoio de 140.000 euros para a mellora de rúas e camiños do municipio que será aprobada este venres na Xunta de Goberno. Nunha reunión de traballo mantida este xoves no despacho presidencial entre ambos os dous dirixentes, o presidente repasou os investimentos que o organismo provincial ten previstos para este ano neste Concello do Salnés, que superan os 1,1 millóns de euros –1,04 millón do +Provincia e 87.700 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas—. Con respecto ao ano anterior, trátase dun incremento de preto de 110.000 euros.

A Deputación colabora co Concello de Cambados a través de programas como o +Provincia e o Plan de Infraestruturas Deportivas, ademais doutras iniciativas provinciais como o Servizo de Axuda no Fogar. Con respecto á liña 1 de investimentos do plan +Provincia, a Xunta de Goberno da Deputación aprobará este venres unha subvención de case 140.000 euros destinada á mellora da pavimentación de rúas e camiños municipais. 

Así mesmo, foron solicitados 133.000 euros para a rehabilitación de áreas de xogo dos parques infantís de Cambados e Torrado, 103.000 euros para a renovación da carpintería exterior a tarima interior do Pazo de Torrado, 103.000 euros para ampliar a rede de saneamento en Couto de Abaixo-Castrelo, 90.000 euros para a renovación urbana da praza de As Rodas, 79.000 euros para a instalación do sistema de gravación e xestión de vídeo, 65.000 euros para a reparación das gradas do campo de fútbol de Burgáns e 60.000 euros para o acondicionamento da antiga cámara agraria.

Do mesmo xeito, no tocante á liña 2 do +Provincia de apoio ao gasto corrente, a Deputación colabora con 87.000 euros para a programación cultural, deportiva e social do Concello de Cambados. Ademais, tamén foron concedidos 200.000 euros para a contratación de 17 persoas por un período de seis meses e medio ao abeiro da liña 3 do +Provincia de fomento do emprego.

Durante o encontro, os responsables de ambas institucións avaliaron as prioridades de investimento do Concello con recursos da Deputación. Así, o rexedor cambadés expresou o seu rexeitamento a solicitar fondos do +Provincia para adquirir o Pazo de Montesacro, o inmoble no actualmente se atopa o Asilo xestionado pola congregación das Hermanitas dos Anciáns Desamparados.

A Deputación financia o 100 % da reforma da cuberta do Pombal

Mención aparte merece o proxecto para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo do Pombal, que será sufragada ao 100 % con fondos da Deputación. Por unha banda, coa achega de 22.000 euros con cargo ao plan +Provincia; e, pola outra, coa entrega de 87.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Dous apoios que suman os 109.000 euros do orzamento para a execución deste proxecto.

O apoio complétase coa achega de 70.000 euros do Servizo de Axuda no Fogar, dos que 41.700 corresponden a gastos de persoal e 27.600 á prestación do servizo. 

Durante o encontro, o presidente Luis López, quen xa se reuniu con todos os rexedores da comarca do Salnés, reiterou a postura da Deputación de cooperación e colaboración cos concellos da provincia e tendeu a man da executivo provincial para seguir colaborando en todo o que sexa posible co Concello de Cambados para mellorar a calidade de vida da veciñanza.