Bloggers e instagramers especializados en enogastronomía visitan as Rías Baixas

Turismo de Galicia organiza esta actividade para promocionar a nova edición de 'Primavera de portas abertas' nas rutas dos viños, que se celebrará no vindeiro mes de maio
Promocion Primavera Portas Abertas RiasBaixas2
photo_camera Visita a unha adega durante o evento de promoción. DS

Turismo de Galicia levou esta fin de semana ás Rías Baixas a promoción da nova edición de 'Primavera de portas abertas', as tradicionais xornadas de portas abertas para coñecer as rutas dos viños galegos a través de distintas actividades e que este ano comezarán o 3 de maio.

En concreto, un grupo de bloggers e instagramers especializados en enogastronomía e viaxes (Galicia Angibaldrich, Gallego Viajero, El hambre con ganas de beber, Lola Frambuesa), participaron nunha visita ao Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, declarado Xardín de Excelencia Internacional e unha das paradas da Ruta da Camelia, ou o Pazo de Fefiñáns, en Cambados, e visitaron algunhas adegas da Denominación de Orixe das Rías Baixas onde degustaron varios dos seus viños. 

Tamén visitaron o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e estaba prevista unha baixada ao río Miño para ver as pesqueiras, en Salvaterra de Miño, e un dos maiores espazos de divulgación da viticultura e enoloxía de España.

Esta acción promocional é a segunda, despois de que en marzo se realizase con outros bloggers e Instagramers na D.O de Valdeorras. O calendario continuará do 12 ao 14 de abril na do Ribeiro, do 19 ao 21 de abril na da Ribeira Sacra e do 26 ao 28 de abril na de Monterrei. Todos os participantes suman máis de 1 millón de seguidores en redes sociais.

Cinco grandes territorios

Turismo de Galicia arranca así a nova edición da 'Primavera de portas abertas' que leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños galegos, unha proposta que está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano. Trátase dun programa completo de actividades de enoturismo desenvolto de maneira conxunta e simultánea nos cinco grandes territorios vitivinícolas galegos. As xornadas de portas abertas celebraranse cinco fins de semana entre maio e xuño, con visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta acción. 

En cada ruta poderase atopar, ademais, un plan especial de actividades para a fin de semana: autobuses do viño, catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co viño.