Sara Bea Martínez, Premio Raia de Ouro 2024

"Traballei en todos os portos que temos ao redor, e máis lonxe"

▶ Aos seus 72 anos, enorgullécese do moito que faenou como redeira desde que era unha nena de nove, e tamén das melloras acadadas nunha profesión que viu mudar, e que lle gustaría preservar. O domingo recibirá en Portonovo o recoñecemento a toda unha vida de dedicación
A homenaxeada, Sara Bea, este xoves na zona de redeiras do porto de Portonovo. DAVID FREIRE
photo_camera A homenaxeada, Sara Bea, este xoves na zona de redeiras do porto de Portonovo. DAVID FREIRE

O de ser redeira foi herdanza familiar ou necesidade?
Herdanza familiar tamén foi, porque meu avó tiña un barco e meu pai o mesmo. Eu era rapaza, tiña nove anos e querían que fora atar coas mulleres. A min non me gustaba, porque era unha nena e quería xogar, pero meu pai díxome: "Non, tes que ir para xunta as redeiras". E fun. Ao principio non me gustaba nadiña, pero logo funme dando conta de como era, e decateime de que era bonito. De feito, encantoume e aínda me segue gustando.

Como foi a súa vida tendo que comezar a traballar dende tan nena?
Acabei a escola pero non seguín. Lévolle 12 anos a miña irmá e, cando naceu, tiven que deixar os estudos para coidar dela. Mentres tanto sempre seguín atando. Máis tarde si que puiden quitar o graduado, pero xa cando era unha chavala, porque ía ás clases nocturnas. Fun quitalo aí porque eu quería telo. E cando houbo que quitar os títulos de redeira, tamén o fixen. Eu era redeira e quería ter o título, así que fomos a Vigo, eu e todas as mulleres do meu equipo.

E de adulta?
Teño dous fillos, e mentres non puiden ir ao peirao porque aínda eran moi pequenos, tiven que levar o traballo para a casa, e atar para artes menores. Cando foron un pouco máis grandes miña nai tamén me axudou moito para que puidera ir traballar aos barcos. Traballei moito, pero os meus fillos non teñen ningún trauma. Con iso nunca tiven problema, porque meus pais sempre me axudaron moito a coidalos, tanto para traballar como para poder saír cando o meu marido viña de navegar e tiñamos algún sábado libre. Sempre me apoiaron moito.

A homenaxeada, Sara Bea, este xoves na zona de redeiras do porto de Portonovo. DAVID FREIRE
A homenaxeada, Sara Bea, este xoves na zona de redeiras do porto de Portonovo. DAVID FREIRE

Xubilouse hai dous anos. Foi duro deixalo?
Deixei cando non me quedou máis remedio, porque tiña 70 anos, pero levaba desde os nove neste oficio. Cando cumprín os 65 fun preguntar se aínda podía seguir, dixéronme que si e non o dubidei. De feito, aínda non o quería deixar agora, pero chega unha idade que xa hai que deixar a outro equipo. De feito, teño pena por non poder traballar máis.

Se tivera que escoller un momento que fora moi importante para vostede ao longo destes anos, cal sería?
Un día tivemos cinco avarías xuntas de cinco barcos que tiñan que ir ao mar. Era moitísimo traballo, pero arranxámonos como puidemos, e todos eses barcos saíron ao mar, ningún quedou en terra. Fixemos o necesario para que puideran saír e iso, ao final do día, cansadas como estabamos que nin sequera foramos comer, foi unha satisfacción moi grande.

Como ve o futuro da profesión?
Gustaríame que non se perdera o oficio, pero non lle vexo moito futuro, porque a xente nova non quere aprender. Hai falta de xente en todos os oficios. Oxalá que haxa alguén que siga traballando disto, porque é unha profesión moi bonita.

Que é o que hai que ter para ser unha boa redeira?
Tenche que gustar, porque se vas contra o teu gusto, non vas traballar ben. E iso que a min tampouco me gustaba ao principio, pero porque era demasiado pequena e non quería estar alí presa toda a tarde. Pero cando comecei a comprender como era, todo cambiou. Sempre traballei disto, pero penso que en calquera traballo, se fas as cousas con cariño, todo sae ben. A cuestión para ser redeira é que tes que sentarte e aprender. Pero redeira pode ser calquera que teña interese.

Non tiña móbil para dicirlle ao meu home que marchaba para o País Vasco. Deixeille unha nota para que coidara da casa"

Dende que vostede comezou, o oficio tamén cambiou moito, verdade?
Todo cambiou por completo, tanto as condicións como o xeito de traballar. Antes todo era estar á intemperie e agora estamos máis protexidas, temos caseta e baños. Daba igual que chovera ou ventara, e agora isto evolucionou bastante. Era unha escravitude, e había que estar alí de sol a sol. Agora traballas por hora e está moito mellor. Na forma de traballar, antes tiñamos que estar sentadas a rente, coas pernas cruzadas, e agora temos uns aparellos aos que enganchamos a rede e podemos estar sentadas nun banco e non castigar tanto as costas.

Vostede traballou na maioría dos portos da contorna e incluso fóra...
Portonovo sempre foi o meu porto base, pero co meu equipo, traballamos en Combarro, Portosín, Porto do Son, Burela, A Coruña, Marín, Vigo, e tamén a Ondarroa (Bizkaia). Traballei en todos os portos que temos ao redor, e máis lonxe, porque no País Vasco estivemos en varios. Onde paraban os barcos, nos iamos alí. Daquela, ninguén quería ir ao País Vasco, eramos sete ou oito e non había voluntarias. Así que dixen que ía eu. Era a primeira vez que ía alí, xa estaba casada e tiña fillos. Ao final marchamos catro mulleres e mais o chofer que nos levou. Eu daquela non tiña teléfono móbil e non tiña como dicirlle ao meu home que marchaba para o País Vasco. El estaba traballando nunha fábrica e deixeille unha nota. Era fin de semana e púxenlle: "Mario, vou traballar para o País Vasco, coida da casa e coida dos fillos". Niso el sempre me axudou moito e non me puxo problemas para ir a todos eses sitios. Era o meu traballo e tíñao que desempeñar e sacar as cousas adiante.

Agora vai recibir un premio por todo ese traballo. Como se sente?
Cando chegou á miña casa o alcalde coas dúas concelleiras quedei sorprendida, pero tamén contenta. Non me gusta moito falar en público, pero a xente xa sabe que falo rápido e xa me coñece. Vaime acompañar o meu marido, os fillos, as noras e o meu equipo, a familia e moitos veciños, que xa mo dixeron tamén.