Esgotadas as prazas da primeira ruta ornitolóxica da VI edición de 'Voando Nas Rías Baixas'

25 persoas realizarán a camiñada o vindeiro 15 de xaneiro pola única reserva ornitolóxica de Galicia

Complexo Intermareal Umia-O Grove. DS
photo_camera Complexo Intermareal Umia-O Grove. DS

A Deputación de Pontevedra colleita un novo éxito ao completar en tan só uns días as inscricións para participar na primeira ruta ornitolóxica da sexta edición de Voando nas Rías Baixas polo complexo Intermareal Ulla-O Grove. A camiñada, de balde e organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife, desenvolverase o 15 de xaneiro polos concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño, Cambados e A Illa de Arousa, actividade na que as persoas participantes poderán coñecer a riqueza ornitolóxica do lugar e concienciarse sobre a preservación dos espazos naturais protexidos.

A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Da súa man, as e os participantes descubrirán algunhas das especies que se atopan neste espazo, un dos mellores lugares de Galicia para a observación de aves acuáticas invernantes como as anátidas, limícolas ou cullereiros, que chegan do norte de Europa escapando do frío e da neve. Para elo facilitaráselles prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta grama para poder desfrutares das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves para que elaboren a súa propia lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Tras esta primeira ruta, a próxima visita chegará no mes de febreiro pola Foz da Ramallosa (Nigrán) o día 5, coas inscricións abertas dende o 23 de xaneiro; será o 9 de abril cando a terceira ruta descorra polas Ribeiras do Umia (Cambados-Ribadumia) e con posibilidade de inscribirse desde o 27 de marzo. A seguinte actividade terá lugar nas Brañas de Xestoso (Silleda-Forcarei-A Estrada) o 7 de maio e as persoas interesadas poderán inscribirse a partir do 24 de abril. A quinta ruta, a novidade desta edición, será pola praia da Lanzada (Sanxenxo-O Grove) o 4 de xuño, e o prazo de inscrición estará aberto o 22 de maio. Tralo paréntese do verán, a sexta ruta será polo Esteiro do Miño (A Guarda) o 8 de outubro, con posibilidade de inscribirse dende o 25 de setembro. A derradeira andaina de Voando nas Rías Baixas será o 26 de decembro nunha ruta pola Enseada de San Simón (Redondela, Vilaboa, Pontevedra e Soutomaior) co prazo de inscrición aberto dende o 13 de novembro.