Arranca a VI edición de "Voando nas Rías Baixas" cunha nova ruta na praia da Lanzada

As visitas ornitolóxicas da Deputación, en colaboración con SEO Birdlife, comezarán o 15 de xaneiro no Complexo Intermareal Umia-O Grove
Complexo Intermareal Umia-O Grove. DS
photo_camera Complexo Intermareal Umia-O Grove. DS

A Deputación de Pontevedra pon en marcha, un ano máis, o programa de rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas” cunha sexta edición que mantén as 175 prazas e as sete saídas de observación de aves por enclaves de alto valor ecolóxico da provincia. O programa no que nestes últimos anos xa participaron máis de 600 persoas, conta nesta edición cunha nova ruta pola praia da Lanzada (Sanxenxo - O Grove) e a división en dous dos percorridos de Foz da Ramallosa e o Esteiro do Río Miño, que anteriormente facíanse nunha única saída.

“Imos manter o número de prazas. Son 25 por ruta porque é imprescindible que haxa un número reducido de persoas para que se poida facer o avistamento das aves, respectando a súa contorna” enxalzou a presidenta Carmela Silva, que cualificou de “éxito absoluto” os resultados da iniciativa desde a súa posta en marcha. Tamén destacou que a gran acollida pon de manifesto o “interese da cidadanía polo medio ambiente, a preservación da fauna, das aves, e de todos esas contornas  que tanto temos que coidar”. As sete rutas desenvolveranse de xaneiro a novembro e nestes momentos xa está aberta a inscripción para a primeira excursión prevista o 15 de xaneiro pola reserva ornitolóxica do Complexo Intermareal Umia-O Grove, a zona húmida máis importante de Galicia e un dos mellores observatorios de aves acuáticas que invernan no noroeste peninsular.

O programa, que se desenvolve en colaboración con SEO Birdlife, conta con persoal experto que axudará ás e os participantes no recoñecemento das aves. Porase a disposición de cada grupo prismáticos de observación e telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves a distancia sen interferir na súa actividade. Tamén se facilita unha Guía de Aves, así como unha relación de paxaros para que cada integrante do grupo elabore a súa lista. 

As Rutas

As persoas interesadas xa poden inscribirse na primeira ruta do 15 de xaneiro pola reserva ornitolóxica do Grove. A partir dese momento e de forma progresiva, na web da Deputación habilitaranse os formularios para reservar praza nas vindeiras actividades. A segunda será en Foz da Ramallosa (Nigrán) o 5 de febreiro, un espazo protexido pola Rede Natura 2000, de alto valor ecolóxico é moi cómodo para a observación de aves. A terceira ruta será polas Ribeiras do Umia (Cambados-Ribadumia) o 9 de abril, unha ruta por un corredor fluvial protexido, tamén, pola Rede Natura. 

A esta saída seguiralle unha cuarta o 19 de xuño nas Brañas de Xestoso (Silleda-Forcarei-A Estrada), onde as e os participantes poderán ver aves que migran desde África durante os meses de calor.  A novidade deste ano é a ruta pola praia da Lanzada (Sanxenxo-O Grove), que terá lugar o 4 de xuño. Este é un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a Píllara das dunas, unha ave en perigo que se enfronta a un risco moi alto de extinción. 

Tralo paréntese do verán, a sexta ruta será polo Esteiro do Miño (A Guarda) o 8 de outubro. A desembocadura do río Miño forma un esteiro intermareal con gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves. A sexta edición do programa rematará o 26 de novembro pola Enseada de San Simón, zona con abundantes aves acuáticas e mariñas.