O proxecto 'Da túa man' transformará o comercio da Illa de Arousa

O programa conta cun orzamento de 500.000 euros dos fondos Next Generation para 11 concellos da provincia
Reunión na que se aprobou o proxecto. DS
photo_camera Reunión na que se aprobou o proxecto. DS

Apoiar a actividade comercial e a hostalería local en zonas rurais da provincia de Pontevedra é o obxectivo do programa Da túa man (rural II), que o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e deputado de Promoción Económica, Rafa Domínguez, presentou este mércores aos 11 concellos no que se vai desenvolver o proxecto. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 500.000 euros financiados na súa totalidade pola Unión Europea con fondos Next Generation, beneficiará ao concello de A Illa de Arousa na comarca do Salnés.

“Xa dixemos desde o principio que neste goberno provincial pensabamos traballar con firmeza para impulsar iniciativas, programas e proxectos encamiñados cara o desenvolvemento económico da provincia”, explicou o vicepresidente, ao tempo que remarcou que ese é precisamente o obxectivo deste proxecto, que busca “que o comercio de proximidade teña máis capacidade para inxectar e crear emprego, riqueza e prosperidade nos concellos”. Por iso, Domínguez agradeceu a participación dos municipios incluídos nesta nova iniciativa de promoción do comercio e o seu “traballo conxunto para desenvolver estas accións”. 

Rafa Domínguez explicou que a finalidade do proxecto Da túa man” (rural II), que foi aprobado pola Xunta de Goberno da Deputación a principios do mes de outubro, é visibilizar e modernizar o pequeno comercio local e “estar ao carón do sector, para que ese comercio e hostalaría, fundamental para que os vosos concellos sigan vivos, siga existindo”. Tamén busca “crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e produto de quilómetro cero”, grazas ao emprego das novas tecnoloxías, ás prácticas que promoven a economía circular e unha mellora e acondicionamento dos espazos.