O primeiro proxecto piloto da comunidade enerxética da Illa xa é unha realidade

A Asociación Arousa en Transición aceptou a subvención da primeira convocatoria co CE-IMPLEMENTA
Unha das instalacións da Comunidade Enerxética en A Illa. DS
photo_camera Unha das instalacións da Comunidade Enerxética en A Illa. DS

A Asociación Arousa en Transición é a fórmula Xurídica da Comunidade Enerxética da Arousa, integrada por 72 persoas asociadas e entidades de calado tan importantes como a Confraría de Pescadores, A OPP20 e a Agrupación de Mexilloeiros Illa de Arousa. Ademais, do propio Concello, cuxa participación foi ratificada en pleno por consenso de tódalas forzas políticas.

Moitos meses pasaron dende que Arousa en Transición aceptou a subvención da primeira convocatoria do CE-IMPLEMTA, concedida polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), adscrito ó Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

O programa CE-IMPLEMENTA enmárcase na compoñente 7 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a execución dos fondos Next Generation da UE, que identifica as Comunidades Enerxéticas como un actor clave na transición enerxética para a posta en marcha de instalacións vencelladas coa participación social no sector enerxético.

O camiño percorrido dende ese momento non foi doado, aseguran, "xa que foron moitos os obstáculos que tivemos que sortear co paso da teoría á acción. O primeiro a consecución do anticipo da subvención, a mellor opción foi a de Coop57, cooperativa de servizos financeiros cunha liña de axudas específica para proxectos de beneficio social e comunidades enerxéticas. A fórmula dos chamados “avais mancomunados” permiteunos repartir o compromiso das responsabilidades financeiras entre os/as promotores, xa que ademais do anticipo, a organización tivo que solicitar un préstamo para adiantar o pago dos investimentos", explican.

O seguinte escollo que tivo a organización foi saber como aplicar a fiscalidade, especialmente o IVE, nas operacións realizadas pola Comunidade Enerxética. "A propia administración admitía na reunión celebrada con facenda, que non existía xurisprudencia ó respecto".

Xa na recta final e a piques de instalar os paneis solares, detectouse amianto no tellado da nave onde se ía facer a instalación. Isto foi un duro golpe para a asociación, porque lles obrigou a buscar unha nova localización en tempo récord. A solución atopárona da man do Concello, nas cubertas dunha nave que ten en Testos (onde está o noso local), pero a concesión precisou dun procedemento administrativo, cuxos prazos retrasaron a execución das obras.

Coas instalacións finalizadas, agora "estamos cos trámites administrativos para xustificar ante o IDAE a subvención e dar de alta tanto os paneis de uso compartido, como o primeiro punto de carga de coches eléctricos do Municipio a carón do Concello".