Ortiga e Pili Pampín actúan este sábado na Illa ao abeiro do programa Musigal

O concerto terá lugar ás 23.30 horas na praza do Regueiro
Pili Pampín e Ortiga. ÁLVARO ALVITE
photo_camera Pili Pampín e Ortiga. ÁLVARO ALVITE

O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, chega este sábado 30 de setembro á Illa de Arousa co concerto que ofrecerán Ortiga e Pili Pampín na praza do Regueiro, a partir das 23.30 horas.

Nesta actuación, Ortiga e Pili Pampín únense nunha nova reivindicación da conexión sonora que cruza o charco entre as costas galegas e o folclore latinoamericano. O músico santiagués Ortiga continúa creando un universo musical único, a cabalo entre o folclore galego e os sons tropicais, que o ten convertido nunha referencia na música alternativa de Galicia. Xunto a Pili Pampín, unha das artistas máis carismáticas da canción popular galega, xa ten gravado varios temas, como Eu chorar chorei ou O galo, presentado este ano e que recolle estrofas icónicas do repertorio popular.