Luis Arosa presenta unha candidatura que combina "experiencia e ilusión"

O candidato socialista sitúa as políticas socialistas como a ferramenta clave da transformación do municipio
Presentación de Luis Arosa como candidato del PSOE en A Illa. DS
photo_camera Presentación de Luis Arosa como candidato del PSOE en A Illa. DS

Luis Arosa presentou este mércores no Auditorio municipal da Illa a candidatura coa que concurre ás eleccións do vindeiro 28 de maio, "un equipo de mulleres e homes da Arousa que combina a experiencia na xestión política local de boa parte dos seus integrantes coa incorporación de caras novas cheas de ilusión por sumarse a un proxecto coa ambición de seguir transformando o municipio".

O acto, no que o candidato estivo acompañado por Carmela Silva, presidenta do PSdeG, e por David Regades, secretario xeral do PsdeG na provincia de Pontevedra, foi presentado por Manel Vázquez, exalcalde e responsable local da agrupación socialista, que comezou a súa intervención destacando a similitude entre a candidatura e a poboación arousana. “Somos o partido que máis nos parecemos ao noso pobo e esa é a razón de que hoxe presentemos novas incorporacións ao proxecto socialista”. Un efecto que tanto Manel Vázquez como Carlos Iglesias, durante a súa breve intervención de apoio ao candidato, atribuiron ao efecto multiplicador que ten a suma de activos ao proxecto.

Luis Arosa definiu ó seu equipo como un conxunto de persoas “con capacidade de xestión, de traballo e de implicación; con ideas e proxectos que sempre van a ter ás veciñas e veciños da Arousa como obxectivo prioritario”.

Nos primeiros postos da lista acompañan a Luis Arosa a actual concelleira de Cultura, Rosi Viana no número 2 e Manuel García Poza, concelleiro ata o ano 2007, como número 3. Leticia Oubiña, Manuel Cores, Raquel Martín, Melina Suárez, Francisco Javier Cardama, Lisa Dacosta, Avelino Cores, Gabriele Von Hundelshausen, Carlos Iglesias, Raquel Dacosta, Manel Vázquez, Arancha Vidal, Ervin Iglesias e María Teresa Búa completan o equipo e foron presentados individualmente no transcurso do acto.

Unha presentación na que Luis Arosa fixo balance dunha lexislatura que comezou da man dunha pandemia que "puxo a proba a capacidade de xestión dun municipio pequeno como a Arousa, que foi quen de dar resposta ás demandas sociais derivadas daquela situación xa superada e que non limitou a transformación do municipio, iniciada xa en etapas anteriores da man de proxectos como a humanización do barrio das Laxes ou a restauración das casas modernistas para seguir con ambiciosas actuacións como a humanización da Avenida Castelao ou a recén estrenada Praza do Regueiro".

David Regades, pola súa parte, amosou o seu orgullo de participar na presentación dunha candidatura "solvente e sobradamente capacitada para continuar coas políticas progresistas que marcan a transformación da Illa desde hai 25 anos"; razón pola que solicitou o apoio á proposta encabezada por Luis Arosa. E Carmela Silva recordou que A Illa de Arousa é un "exemplo de mellora da mobilidade amable, da construcción de espazos públicos para a cidadanía, en defensa do medio/ambiente,en políticas de atención aos maiores, á mocidade e unha gran referencia en políticas de igualdade". “Todos os grandes avances dos que pode presumir a veciñanza teñen nome e apelidos: gobernos socialistas.