Cándido Pazó e Quico Cadaval volven á Illa coa programación do mes das Letras

As entradas para a actuación do sábado 6 de maio xa están á venta con prezo anticipado de 7 euros e de 10 na billeteira
Cándido Pazó e Quico Cadaval. DS
photo_camera Cándido Pazó e Quico Cadaval. DS

Cándido Pazó e Quico Cadaval vironse na obriga de aprazar en decembro unha actuación esperada na que os dous artistas retornaban ao auditorio de A Illa e que xa ten nova data, o 6 de maio. As súas reiteradas actuacións na localidade afianzaron a súa conexión co público arousán, que sempre lles responde e co que se reencontrarán no marco da programación deseñada pola Concellalía de Cultura no Mes das Letras.

Por separado, pero no mesmo momento histórico, Pazó e Cadaval inauguraban en 1998 a andaina cultural da Illa como concello segregado de Vilanova. Cándido Pazó o recorda perfectamente. “A miña contada foi exactamente o 24 de xaneiro de 1998, recén comezada a andaina do concello da Illa de Arousa. Eu xa estivera actuando varias veces na Illa, con teatro. A primeira en 1977. A veciñanza xa falaba dun proxecto comunitario propio, algo que confiaban en que traería a democracia. Pero tiveron que pasar vinte anos. Por iso na contada de hai 25 anos notabas entre a xente un ambiente especial, como inaugural. Unha especie de “por fin”. Inda que sabían que estaba todo por facer, o cal é moi ilusionante”.

Foi no escenario do Igafa, porque A Illa carecía daquela dunhas infraestruturas que se foron creando aos poucos nestes 25 anos de historia. Tectónica de placas, Serafín o Pinchiña, El pájaro pinto, O peido de Abelardo o Caruncho, Sisita e Arturito e Que lle den polo cu a Distéfano. Canta cousa! Foron algúns dos contos que Candido Pazó compartiu co público daquela e que posiblemente, transformados e adaptados, teñan presenza no espectáculo do vindeiro día 6.

As entradas para este espectáculo están á venta a través do enlace a un prezo de 7 euros que se eleva a 10 si se compran na billeteira no mesmo día.

Esta actuación forma parte da programación deseñada pola Concellería de Cultura dirixida por Rosi Viana con motivo do mes das Letras, no que están previstos varios actos de promoción da cultura galega.