Un obradoiro, música e unha proxección na programación do 8-M da Illa

A concellería de Igualdade propón tres días de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller
8-M A Illa
photo_camera Celebración do 8-M no 2023 en A Illa. DS

O Concello de A Illa de Arousa, a través da concellería de Igualdade, preparase para celebrar o 8-M cun abano de actividades. Comezará o día 7 de marzo cun obradoiro de xoguetes e intelixencia emocional dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, que terá lugar no 1º andar do Clube de Xubilados.

O propio día 8 de marzo, farase a lectura do manifesto ás portas do Concello e pola tarde inaugurarase o troco de nome dos Xardíns de Goday que pasarán a ser Xardín traballadoras da conserva visto que existen dúas zonas chamadas xardíns de Goday. Ante isto, o Goberno local pretende cambiarlle o nome para diferencialas e poñer en valor o traballo que fixeron nesa zona as traballadoras da conserva que estaban empregadas na fábrica.

"Pensamos dende esta Concellería que o día máis axeitado para a inauguración sería o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora polo seu significado e simbolismo, asegurando que o novo nome proposto para os xardíns é o máis apropiado e ten relevancia histórica, cultural e outros significados importantes para a comunidade", explica a concelleira Laura Castro.

O mesmo día 8, xa pola tarde-noite, terá lugar o concerto de Lidia Luna e Ugía Pedreira, con entrada libre, ás 20.00 horas no Museo da Conserva. Presentarán o seu traballo Cantos da balea norte.

Lidia e Ugia propoñen un ferrado de oralidade, unha conversa tecida con cantos e contos entre elas e o público. Como fíos condutores, a paixón polo mar, a profundidade e a sinxeleza das emocións esenciais, a forte inspiración da natureza salvaxe de ambas, o culto ás baleas coas que comparten unha senda común mimetizándose imaxinariamente na súa dor e afouteza. Este diálogo, a lume lento, é unha volta á etimoloxía antiga da palabra entretemento como exposición das entrañas.

Pola noite, ás 22.00 horas, celebrarase unha velada nocturna xuvenil con dinámicas de grupo sobre igualdade, xogos e audiovisuais para reflexionar en grupo.

Por último, o sábado 9, proxectarase no Auditorio municipal, ás 20.00 horas, a obra Thelma and Louise, que porá fin á programación do Concello adicada ao 8-M.