Europa financiará o 81% da actuación de mellora peonil na Avenida Castelao

A axuda europea para esta actuación de recuperación do espazo público, demanda histórica da veciñanza da Illa, suporá  814.160,92 euros do programa DUS500 para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico
Avenida de Castelao A Illa de Arousa. GSV
photo_camera Avenida de Castelao. GSV

Europa revalida unha vez máis o modelo de mobilidade sostible da Deputación coa aprobación dunha importante achega de 814.160,92 euros do programa DUS500 á urbanización, recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao da Illa de Arousa. Con esta subvención, enmarcada nos investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, os fondos europeos financiarán o 81% desta actuación de transformación do espazo público, o que suporá un importante aforro económico para o Concello da Illa, que está a seguir este modelo de mobilidade na transformación do seu casco urbano, e para a Deputación que tiña asignado preto dun millón de euros.

A actuación na Avenida Castelao – EP-9803, unha demanda histórica da veciñanza da Illa, está a mudar por completo esta céntrica rúa para garantir a accesibilidade universal e impulsar a mobilidade sostible, que permitirá un aforro do consumo anual de enerxía primaria de 220,28MWh ao ano. Os traballos teñen como principal obxectivo espallar a mobilidade universal nun espazo continuo de seguranza viaria de calidade no centro urbano, realizando un cambio de prioridade co fin de impulsar a mobilidade das persoas por diante doutros modos de transporte. Así, a reforma garantirá itinerarios peonís continuos e libres de obstáculos e unha plataforma única sobreelevada de prioridade para as persoas na zona onde o ancho non permite realizar itinerarios peonís segregados dos vehículos.  

Ademais, deseñarase unha vía de única dirección cara a Avenida da Ponte, cun carril central de formigón coloreado en cor grafito de ancho 2,7 m para uso do tráfico rodado e haberá sistemas de calmado de tráfico para incrementar a seguranza viaria (con velocidade máxima de 20 km/h). O proxecto inclúe tamén un aparcadoiro de 18 prazas en batería e xardineiras, árbores e mobiliario urbano moderno e de deseño. Por último, contempla a variación das redes de fecais e pluviais existentes, melloras en servizos urbanos como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e a execución dunha nova rede de abastecemento e unha nova rede de alumeado público LED de alto rendemento.