A Xunta avalía as vías de colaboración en materia de humanización en Vilanova

O Concello recibirá 350.000 € ao abeiro da liña de axudas para a construción por parte das entidades locais de novos puntos limpos fixos
Reunión entre Ángeles Vázquez e Gonzalo Durán. DS
photo_camera Reunión entre Ángeles Vázquez e Gonzalo Durán. DS

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, avaliaron posibles vías de colaboración para a construción dunha senda peonil pola marxe norte do rego de Tarrío, na parroquia de Ousensa.

Durante unha reunión que mantiveron recentemente, o rexedor trasladoulle á conselleira o proxecto municipal que ten como obxectivo dotar dun itinerario peonil accesible á contorna que se localiza entre o viario pavimentado situado na parroquia de Ousensa e a estrada PO-549.

A maiores, no encontro tamén abordaron cuestións relacionadas coa xestión de residuos municipais. Nesa liña, cómpre lembrar que o Concello de Vilanova de Arousa recibirá máis de 350.000 euros ao abeiro da liña de axudas convocadas pola Xunta este ano 2023 para a construción por parte das entidades locais de novos puntos limpos fixos, cuxa resolución saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 5 de outubro. Deste xeito, o Goberno galego financiará o 90% do proxecto e o 10% restante corresponde ao Concello.

Entre as actuacións e conceptos subvencionables por esta liña de axudas, financiada con cargo a fondos propios da Comunidade e do programa comunitario Next GenerationUE, figuran, entre outros, a adquisición de contedores e gaiolas para almacenar as distintas fraccións; básculas de pesada de entradas e saídas de residuos; os labores de acondicionamento do terreo; as cubertas para zonas de almacenamento de materiais que pola exposición ao sol e á auga se vexan prexudicados para a súa reciclaxe ou valoración posteriores; ferramentas informáticas, etc.