Mónica Ferreirós: “A mellor foto do Salnés é a súa xente”

Alberto Avendaño entrevista á fotógrafa Mónica Ferreirós
photo_camera Alberto Avendaño entrevista á fotógrafa Mónica Ferreirós
A miña historia
A miña vida leva anos xirando en torno a fotografía. É o que levo facendo durante máis de 20 anos. E cheguei a ela de tropezón. Cando tiña 18 anos apunteime para auxiliar de clínica e como me mandaban volver ao día seguinte, e estaba moi cerquiña do Mestre Mateo, a escola de artes en Santiago, pasei por alí e vin que entre os estudos que ofrecían estaba a fotografía artística. Entrei na Escola Mestre Mateo e descubrín o que é hoxe a miña profesión por puro accidente. Por iso agora, cando falo coa miña filla que ten 14 anos e di que non sabe que facer, eu case nin me atrevo a contarlle por que me dedico eu a isto. Eu creo que a xente que descubre a súa profesión, a súa paixón, pronto é afortunada. No meu caso foi puro azar. É certo que na miña casa sempre houbo unha cámara, unha Yashika analóxia e os albumes de fotos familiares sempre estaban moi presentes. Ao mellor sempre había un pousiño aí sen darme conta.

 

E o teu territorio? 
Eu son de Baión, nacín e vivín sempre aí. Con 18 anos fun vivir e a estudar a Santiago e non volvín ata que tiña xa case 28. Na miña época os barrios estaban cheos de rapaces e aínda que ao mellor os pais traballaban fóra, as nais estaban na casa e tiñamos moita liberdade. Todo había que facelo camiñado, faciamos pandillas, estabamos todo o día fóra da casa. O xogo na rúa era constante. Cousa que hoxe a miña filla non ten. Eu vivo no que era a antiga casa da miña nai. Cando volvín acabei rehabilitando esa casa vella, pequerrechiña, da miña nai. E pensei “que ben se está aqui!” Porque cando te queres marchar pensas que a aldea é o máis aburrido, na adolescencia todo che parece pequeno e aburridísimo, e agora, claro, estou encantada.

Un recordo de rapaza? 
As tradicións. Entraban dentro do xogo. E o San Xoán. Nós tiñamos o de ir roubar as cancelas a noite de San Xoán, de casa en casa. Eran eses tipos de xogos que tiñan que ver coa tradición os que me gustaban realmente. E se un tiña un faiado grande montabamos un teleclub. Eramos da época de Michael Jackson, e o de Michael Jackson durounos tanto que o primeiro sueldiño de camareira que tiven con 17 anos, xuntei para pagar un billete de autobús e a entrada para un concerto que fixera en Zaragoza.  

Recordas a primeira vez que tiveches unha cámara na man? 
Meu pai tiña unha Yashica de carrete e pasaba moito polas mans de todos. Cando entrei na Escola en Santiago dixéronme que necesitaba unha cámara. Eu traballaba de camareira nas fines de semana e ía xuntando, e aos dous primeiros meses de estar en Santiago conseguín comprarme a cámara, a ampliadora e quedei cos cartos xustos para o tren de regreso á casa. 

O analóxico é máis humano que o dixital ou só é máis antigo? 
Simplemente é máis antigo. É máis físico porque estás tocando algo, estás tocando ese material, estalo vendo aparecer diante das túas mans. O proceso é distinto. Non é mellor nin peor que agora, é diferente en canto os tempos e ao proceso. 

Que pensa un fotógrafo cando vai tirar unha foto? 
Moitas veces simplemente estás experimentando e non pensas en nada, fotografías por impulso. Pero cando empezas a dedicarte profesionalmente a isto, entón si pensas no que tes diante, planificas. Unha vez tiven que lle facer unha foto a unha muller de Vigo. O seu ex marido lle asasinara ao fillo pequeniño. Metérallo no coche e o neno morreu dentro do coche. Mandáronme facerlle unha foto a esta muller. Eu sabía o elemento do coche. No momento en que entro pola porta desa muller teño que intentar meter na foto esa situación. Aí si que pensaba un montón de cousas. O primeiro teño que facer o meu traballo, teño que transmitir o que lle pasou a ela; pero tampouco quero violentar a esa persoa que teño diante. Ao final fíxenlle a foto dentro dun coche. Pero non quero nin ferir os sentimentos desa muller, nin que ninguén crea que estou manipulando unha situación. 

No accidente ferroviario de Angrois coincidiron todas esas tensións?  
Cando foi o accidente de Angrois, eu ía facer os fogos do Apóstolo e acabei nun accidente con máis de 80 mortos. Cando chego a esa situación, houbo xente que nos insultaba con iso de “vós que facedes aqui?” No meu caso e no de Xoán (Soler) somos fotoxornalistas, igual que o médico tiña que estar aí, igual que o policía tiña que estar aí, nós tiñamos un motivo para estar aí. E as miñas dúbidas entre o que eu podía estar pensando e o que estaba vendo se disiparon con iso. Logo, cando estás facendo fotografía que non ten un condicionante dese tipo, ás veces, pensas en deixar que o que hai diante túa te sorprenda. Moitas veces o fotógrafo se esforza pensando en como pode fotografar unha situación para que perviva no tempo.

Cal é a foto do accidente que pervive? 
A xente dime que a foto do bombeiro coa nena é a máis representativa, claro, para os que o viron todo desde fóra. Neste caso é máis fácil que o vexa alguén desde fóra que quen o vivíu, porque é unha situacion tan dramática que a min me custa moito. 

Cal escollerías ti? 
Eu non son capaz de escollerche unha foto. Eu ao final quédome máis co que eu vivo que coas imaxes que moitas veces deixo. Eu sinto que fixen o meu traballo. Non me identifico cunha imaxe que creo que é icónica, eu iso non o vexo por ningún lado. 

As mans de Mónica Ferreirós. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
As mans de Mónica Ferreirós. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

E agora vinculas a túa fotografía ao coidado da natureza?
Nestes últimos anos, as poucas colaboracións que fixen fóra do xornalismo foi con temas deste tipo. Por exemplo, o tema da marea negra que o cubrín e acabei participando co Colexio de Xornalistas na exposición e no libro que se fixo. A segunda foi co Covid, recopilando imaxes do que foron os momentos dos peches. Acabamos facendo un grupo por internet e logo fixemos unha exposición e colaborouse cun proxecto a nivel de España. E agora estou con todos estes macroproxectos das eólicas que van supoñer un impacto na natureza. Non busquei estas colaboracións, pero si é certo que gocei con elas porque sinto que me sae máis ou menos ben, e no que me sinto a gustiño comigo mesma, no sentido de que podo aportar algo máis. 

Muller e fotoxornalista: que é ser muller? 
Para min ser muller nunca foi un beneficio porque con parella ou sen parella, sen querelo ou non, as mulleres acabamos asumindo roles que teñen que ver cos coidados, cos nenos, onde a parte profesional se resinte moitas veces. Ser muller para min é un esforzo dobre. Pensa que esta é unha profesión onde a porcentaxe de mulleres é ridícula en comparación cos homes. 

Cales son os teus fotógrafos de referencia? 
Co paso dos anos os meus fotógrafos de referencia son os que acabei coñecendo en persoa. Gústame pensar que esa foto que acabo de ver, que a persoa que está detrás, está a nivel humano á altura do que está contando. Oscar Molina, por saber mirar esa cotidianidade que te descubre un mundo que se che está pasando e non te das conta del. Despois está Cristóbal Jara que leva vindo moitos anos a Galicia. Cristina García Rodero tamén pola súa capacidade de traballo e dedicación á profesión que ama.

As fotos falan? 
Eu creo que si. Cando unha imaxe transmite algo non se nos pasa desapercibida. Paramos nela. Non usan as palabras pero usan os sentimentos, as emocións, a dor moitas veces.

Cal é a túa foto do Salnés hoxe? 
Non é unha foto fácil. Se hai algo do Salnés que adoraba é a paisaxe, a natureza. E se eu tivera que facer unha foto do Salnés sería unha na que por desgraza moita desa natureza desapareceu. Chámalle chea de viñedos, plantacións de eucaliptos, un río que podía ter estado mais coidado. O fotógrafo moitas veces ten que ir ao persoal. Neste caso: que me chincha? O cambio a nivel natureza que no Salnés está pasando desapercibido porque está desaparecendo o monte a unha velocidade alucinante. Eu vivo diante do río Umia, e diante da míña casa hai un monte que dun día para o outro o pelaron, desapareceu, e apareceu un viñedo enorme. 

Hai unha foto positiva do Salnés? 
A positiva ten que ver coa xente. Porque aquí hai xente fantástica. A xente de aquí vai de cara, esa é a parte que me gusta. Para o bo e para o malo. Entón se tivera que fotografar a un arousán supoño que buscaría a algún que vaia de cara. Por exemplo, Peto Leal, que xa morreu, e que foi o meu profe. 

E a foto túa? O teu fotomatón? 
Eu creo saber a imaxe que dou para fóra: a rapaciña que pasa por aí, que ás veces é desordenada e un pouco brava. Pero esta rapaciña que se toma moi en serio o seu traballo e a súa profesión. Hoxe síntome máis segura, máis tranquila, máis disfrutando.

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Natureza.
Un lugar?
Baión.
Unha persoa?
Xela, a miña filla.
Unha personaxe?
Nexus (En Blade Runner, Roy Batty era un dos replicantes Nexus). Porque durante a adolescencia encantábanme as personaxes de ciencia ficción.
Alguén importante?
A miña parella.
Unha cousa?
Eu non son nada de coleccionar, non teño obsesión polas cousas. Todo o que teño é unha cousa práctica. 
Alguén imprescindible?
Eu creo que non debería haber ninguén.
Que é a vida?
A vida é algo que cando te das conta do marabillosa que é xa se está acabando.