A demolición da comandancia deixa vía libre para a construción do centro de saúde

Os traballos para desmantelar o edificio da Avenida da Mariña comezan este xoves co valado do recinto e clausura do depósito de gas existente na parcela

Las instalaciones estarán ubicadas en el solar que ocupaba la Comandancia de Marina. FERNANDO SALGADO
photo_camera As instalacións do centro de saúde estarán ubicadas no solar que ocupaba a Comandancia de Marina. FERNANDO SALGADO

A requerida demolición do edificio da antiga Comandancia de Mariña arrancan este xoves 9 de febreiro. A instalación do valado de seguridade ao redor do recinto será a primeira actuación que leven a cabo os operarios da empresa Excavaciones J. Carreira S. L., a adxudicataria da obra, dedicándose, a partir da semana que ven, a acometer as distintas fases do plan de traballo establecido para deixar completamente libre a parcela na que emprazará o novo centro de saúde de Vilagarcía. Unha vez rematada a actuación na que o Concello de Vilagarcía inverte 150.000 euros, a administración local porá os terreos a disposición da Consellería de Sanidade para que constrúa as demandadas e necesarias infraestruturas sanitarias que substituirán ao insuficiente e obsoleto ambulatorio de San Roque.

Segundo o plan de actuación fixado pola empresa, tras asegurar o perímetro nestes dous últimos días da semana, comezarán os traballos de "degasificación" do depósito de gas existente no solar, que debe quedar convenientemente selado antes de ser desmontado. A partir do luns iranse desenvolvendo as restantes fases do proxecto. En primeiro lugar, procederase á desmontaxe do mural de azulexo que preside a fachada principal da antiga Comandancia, composición artística que se pretende incorporar ao futuro edificio do centro de saúde. Ao mesmo tempo irase traballando no interior do edificio para comezar co baleirado dos restos de mobiliario e refugallo que poidan ter quedado e para ir retirando marcos, portas e ventás, así como pezas sanitarias e outro tipo de entullos. O seguinte paso será proceder á retirada do amianto da cuberta do aparcamento posterior da propiedade.

Rematadas todas estas labores será cando se proceda á demolición propiamente dita e, finalmente, á retirada de entullos, que serán trasladados ás correspondentes plantas autorizadas para o seu tratamento, e á limpeza da parcela.

O paso que permite visibilizar a liña de meta

A demolición da Comandancia é un dos proxectos máis esperados polos vilagarciáns polo que representa e polo que permitiirá visibilizar: que o novo centro de saúde está cada vez máis preto de materializarse. 

A consecución desta histórica reivindicación de Vilagarcía vai ser posible graza ás negociacións iniciadas hai tres anos polo Concello e a Autoridade Portuaria para poder destinar os terreos da Avenida da Mariña a albergar a nova infraestrutura sanitaria. Tas o acordo inicial entre as partes, consistente na compra por parte do Concello do solar da Comandancia a cambio de que o Porto liberalizase O Ramal, sumouse ao proxecto á Consellería de Sanidade, asinando un protocolo a tres bandas no que a Xunta se comprometía a construír e dotar o novo centro de saúde.

O Concello de Vilagarcía adquiriu os case 5.000 metros cadrados do solar da Comandancia por 1.157.406 euros -terreos que son municipais dende o pasado 30 de decembro- e asumiu o custe da demolición Rematada esta obra- presumiblemente no prazo máximo de dous meses-, o goberno local culminará a parte do proceso que lle tocaba realizar á administración local, poñendo o solar a disposición da Consellería para que esta execute a súa parte do acordado.

Segundo a información da que dispón o Concello, a administración autonómica está redactando o proxecto do novo centro, documento que Ravella solicitou consultar antes de que sexa definitivo, a efectos de que os técnicos municipais poidan coñecelo e, de ser o caso, realizar as propostas que consideren convenientes.

Posteriormente a Xunta debe sacar a licitación as obras de construción do centro de saúde e a dotación das infraestruturas. O executivo local confía en que estes trámites por parte da Xunta se axilicen ao máximo, tal e como prometeu no seu día o conselleiro de Sanidade cando visitou o municipio para asinar o protocolo a tres bandas para a construción do centro de saúde.

Máis superficie e novos servizos sanitarios

Segundo o Plan Funcional do Sergas, as futuras instalacións da Avenida da Mariña incrementarán en 3 as consultas de medicina xeral (ata sumar 17), en 4 as de enfermería (que tamén serán 17, de xeito que cada médico teña servizo de enfermería propio), en 1 as de pediatría (ata 5) e en 2 as de enfermería pediátrica (que tamén chegan a 5, unha por pediatra). O novo centro permitirá contar con sala de illamento e cunha sala pediátrica para nebulizacións. Ademais, duplicaranse as consultas de especialistas (traballo social, farmacia, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia), que no actual centro tiñan unha única consulta, e aumentaranse tamén outro tipo de instalacións como as salas de reanimació n e observación da área de urxencias, as salas técnicas, as salas polivalentes e as consultas de docencia.