Arrancan os traballos da nave que albergará a Escola Municipal de Deportes Náuticos

O Concello inviste 70.000 euros en adecuar as instalacións para dar cobertura ás distintas modalidades deportivas acuáticas e ligadas á navegación ▶ As obras deben rematarse no prazo de 5 meses

Edificio de la futura Escola Municipal de Deportes Náuticos en el puerto  O Ramal de Vilagarcia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Edificio que albergará a Escola Municipal de Deportes Náuticos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía contará a partir deste verán con novas infraestruturas para dar cobertura ás distintas especialidades deportivas acuáticas e ligadas á navegación que se practican no municipio. Onte mesmo comezaron as obras para acondicionar á antiga nave de Alfogar, fronte á rampla do Cavadelo, co obxectivo de adecuala ás necesidades da que será a Escola Municipal de Deportes Náuticos. O Concello de Vilagarcía inviste 70.000 euros nos traballos adxudicados á empresa Revcom e que teñen un prazo de execución de 5 meses.

A nave situada na zona portuaria do Cavadelo ten unhas dimensións de 76 metros de largo por 25 de ancho e unha superficie útil total de 1.751 metros cadrados distribuídos nunha zona de unha única altura e outra de dúas. Ademais do emprazamento á beira do mar, a construción conta coa avantaxa de dispor na súa fachada oeste dun acceso directo á rampla do Cavadelo, que permitirá botar ao mar e recoller de forma rápida e doada as embarcacións deportivas.

Segundo se recolle no proxecto da actuación, a superficie diáfana de algo máis de mil metros cadrados do interior da nave destinarase ao resgardo e coidado das embarcacións, xunto con outro espazo, duns 300 metros cadrados, nos que se habilitará a zona de ximnasio, vestiarios e aseos. Na planta superior, que conta con 300 metros cadrados dispoñibles, habilitaranse 8 despachos e aseos.

Unha concesión por 10 anos

O Concello de Vilagarcía dispón da antiga nave de Alfogar mediante o sistema de concesión administrativa aprobado coa Autoridade Portuaria, propietaria das instalacións e dos terreos nos que se empraza, xusto na desembocadura do río Con. O convenio asinado entre as dúas administracións permite ao Concello facer uso da nave durante o prazo 10 anos para destinar a centro de ensino de deportes náuticos e a albergar a sede do Club Piragüismo Vilagarcía. A cambio desta cesión de uso da edificación, a administración local abonará ao Porto un canon anual de 1.700 euros, ao terse bonificado a taxa de ocupación un 50%.