Servizos sociais reedita os programas de intervención educativa co alumnado do municipio

A Área que dirixe Tania García volverá a traballar cos colexios e institutos na resolución pacífica de conflitos e na abordaxe das problemáticas propias da adolescencia ▶ O proxecto "Empatiza" e o de Teatro Foro financiaranse a través da liña 2 da Plan Concellos 2023

Un aula del Colegio SEK-Atlántico. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un aula de un colegio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía volverá a traballar este curso cos colexios e institutos do municipio co obxectivo de proporcionar aos centros ferramentas e actividades a través das cal poder afrontar, resolver e previr as diferentes problemáticas que sofre a poboación infantil e xuvenil. Con este obxectivo, o departamento que dirixe Tania García organiza novas edicións dos programas de intervención socio educativa Empatiza, para a resolución pacífica de conflitos, e Teatro Foro, destinado a abordar as problemáticas propias da adolescencia e á axeitada xestión das emocións. Como en edicións, anteriores, ambas iniciativas financiaranse a través do Plan Concellos da Deputación Provincial.

A Concellería destina 14.000 euros a desenvolver uns programas de intervención socio educativa que a comunidade escolar valora e que, tras o desenvolvemento xa de varias edicións, contan con resultados moi positivos e beneficiosos para o alumando, tanto a nivel individual como de colectividade.

O obradoiro Empatiza para a resolución pacífica de conflitos diríxese a alumnado de 5º e 6ª curso de Primaria dos colexios do municipio. Cun presuposto de case 9.000 euros, persoal cualificado traballará cos estudantes para axudarlles a identificar conflitos, comprendelos e establecer estratexias para a súa resolución de forma pacífica. A metodoloxía a seguir e activa e moi participativa, creando a figura dos axentes activos para a convivencia e propiciando a creación de espazos de reflexión e aprendizaxe moi próximos á realidade cotiá da rapazada.

Relacións afectivas, integración e ciberacoso

Aos estudantes de Secundaria diríxese o Teatro Foro, un proxecto educativo que ten como obxectivo a abordaxe das diversas problemáticas que se dan na adolescencia. Trátase dunha proposta que procura proporcionar á mocidade as ferramentas necesarias para poder afrontar esas situacións difíciles de forma eficaz e aumentar a súa resilencia. Os centros serán os encargados de elixir o itinerario sobre o que traballar entre as tres opción que se plantean: as relacións afectivas na adolescencia, integración social e inclusión e o ciberacoso. A metodoloxía a utilizar é práctica e buscando en todo momento a participación activa dos adolescentes que, de forma colaborativa, crean a historia sobre o tema elixido, traballan as personaxes dende unha perspectiva realista e poñen en escena a representación teatral de xeito que tamén permita reflexionar aos alumnos que asistan como público. Esta iniciativa conta cun orzamento de 5.100 euros.