A Semana de Muller e Cultura ábrese cun faladoiro e o concerto de Catuxa Salom

As actividades terán lugar a partir deste venres ás 20.00 horas no Salón García e a entrada é libre e de balde
Catuxa Salom. DS
photo_camera Catuxa Salom. DS

A Área de Igualdade do Concello inaugura este venres, 26 de abril, a programación da Semana de Muller e Cultura con dúas actividades que se desenvolverán a partir das 20.00 horas no Salón García. Comezarán co faladoiro no que varias profesionais do sector musical exporán as súas opinións e experiencias en relación a ao papel e situación da muller neste eido da cultura. E finalizado este acto, dará comezo o concerto acústico de Catuxa Salom. A entrada é libre e de balde.

O faladoiro leva por título A muller na música e nel intervirán a música, cantante e compositora, Guadi Galego; a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais e mánager, Patricia Hermida; a cantante, creadora de Mulleres Galegas Kañeras e directiva da asociación Músicas ao Vivo, Patty Castro; a vilagarciá, Kris K, DJ residente da Duendeneta; e Tere Tresandí, técnica de iluminación. A conversa estará dirixida e moderada pola xornalista pontevedresa Teresa Cuiñas.

A primeira xornada da semana Muller e Cultura rematará cun ambiente festivo garzas ao concerto da vilagarciá Catuxa Salom, que fai música fusión combinando sons de raíces galegas e arxentinas. Será a partir das 21.30 horas no mesmo Salón García.

A Semana de Muller e Cultura ten como obxectivo poñer en valor o papel das mulleres que traballan na creación cultural e artística, así como fomentar a inclusión e a visualización das profesionais femininas nestes sectores que tradicionalmente foron copados por homes. A maiores, con este programa, o departamento de Cultura de Vilagarcía pretende dar a coñecer ás profesionais locais e de municipios veciños.

Neste marco, tamén o sábado 27 realizarase o primeiro dos obradoiros previstos, o de Iniciación á música electrónica que impartirá a vilagarciá Vicky Longa, música, compositora e directora do Longa Music Lab. A actividade desenvolverase nas instalacións do Auditorio en horario de 10 a 13.00 horas e as persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o día 26 para anotarse a través da sede electrónica, enviando un correo ao enderezo [email protected] o acudindo directamente a Área de Igualdade. O formulario de inscrición está dispoñible no taboleiro de anuncios da web municipal e no da sede electrónica.

Tamén está aberta a inscrición para o obradoiro de rap feminista Dar resposta que impartirá o 3 de maio a música e rapeira High Paw nas instalacións do Auditorio en horario de 16.00 a 19.00 horas. A asistencia tamén é de balde e as persoas interesadas deben inscribirse utilizando os medios sinalados para o anterior obradoiro.