Costas proxecta mellorar a calidade da area da praia da Concha-Compostela

Eliminarase a lámina superficial da area na que se detecta a semente con pinchos, cun decapado de entre 15 e 20 centímetros de profundidade 

 La playa de A Concha-Compostela, en Vilagarcía. GOOGLE MAPS
photo_camera La playa de A Concha-Compostela, en Vilagarcía. GOOGLE MAPS

O departamento estatal de Costas comunicou ao Concello de Vilagarcía que se está redactando o proxecto de rexeneración da praia da Concha-Compostela, despois de contar xa coas conclusións dos estudos de campo realizados polos técnicos hai unhas semanas en resposta ás xestións realizadas polo Goberno local. O documento no que se concretarán as medidas a adoptar ten dous obxectivos fundamentais: eliminar o cadillo e mellorar a calidade da area da praia urbana. Os traballos serán executados por Tragsa e teñen un prazo aproximado de execución de un mes.

As catas realizadas polos técnicos de Costas hai unhas semanas e o estudo das mostras tomadas permitiron aos expertos decidir as actuacións que se levarán a cabo para erradicar de forma definitiva os molestos pinchos do cadillo que invaden o areal dende hai uns anos. Tras comprobar que as molestas sementes só se atopan na capa máis superficial da area, propoñen facer un decapado, eliminando unha lámina de entre 15 e 20 centímetros de grosor, o suficiente para garantir que xa non quedan pinchos.

Na mesma visita Costas realizou unha cata de algo máis de dous metros de profundidade para estudar a calidade das mostras aportadas nas dúas ocasións nas que se rexeneraron as praias da Concha e de Compostela. A primeira e máis importante hai 30 anos e a segunda no ano 2009, centrada na zona da Concha. Os diferentes estratos permitiron comprobar que a area de maior calidade era a portada a principios da década dos 90 do século pasado e, polo tanto, a que se atopaba a maior profundidade. Segundo explicaron, trátase de áridos de alta calidade, de brancos e dun grao moi fino, moito mellor que os que se atopan actualmente en superficie. Cómpre lembrar que ao inicio da rexeneración histórica das praias da Concha e da Compostela utilizáranse aportes de area da Costa da Vela, moi apreciada e valorada pola súa finura.

Para aproveitar esta circunstancia, Costas proxecta voltear os áridos. É dicir escavar ata a profundidade na que se atopa a area boa para deixala en superficie, enchendo o oco coa de menor calidade, mái s grosa e dunha cor máis escura.

En total, a actuación prevista afectará a unha superficie de 60.000 metros cadrados da praia. Os traballos céntranse exclusivamente na parte 'seca' do areal. É dicir, que non terán afección nas zonas de marisqueo.

Os traballos non se realizarán en temporada de baño

Dende Costas comentaron que están axilizando ao máximo a redacción do proxecto. De terse rematado pronto, os traballos poderían comezar de forma inmediata para que o areal estivese listo para o inicio da tempada de verán. De quedar moi axustado, optaríase por pospoñer a súa execución ata o outono para non prexudicar aos usuarios e turistas que acoden ao maior dos areais de Vilagarcía.

Ademais, hai que ter en conta que a praia da Compostela vén de renovar a bandeira azul, pola que a execución de obras en plena temporada de baño non sería compatible.