O Salnés recibirá 418.302€ do Plan de Cofinanciamento de Servizos Sociais Comunitarios

Esta iniciativa permite aos concellos de menos de 20.000 habitantes sufragar os gastos do Servizo de Axuda no Fogar e aos custos de persoal dos servizos sociais ▶ Ademais, un total de 17 colectivos da comarca recibirán axudas enmarcadas no programa provincial "Depo en Marcha"

A partida de axudas, de medio millón de euros, permitirá ás entidades sufragar diversos investimentos. DS
photo_camera A partida de axudas destinarase a sufragar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e os custos de persoal de Servizos Sociais. DS

A Deputación vén de mobilizar 2,5 millóns de euros en accións dirixidas aos concellos en materia de política social, destinados ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais nos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes, así como ao programa provincial Depo en Marcha, do que se beneficiarán 130 asociacións da provincia.

No Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, a institución provincial pon a disposición dos concellos a cantidade de 2,3 millóns de euros, dos que 1,2 millóns (1.225.193€) son para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e os restantes 1,1 millóns (1.131.709€) para os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios. Como explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) “atende a maiores con déficits de autonomía e a persoas con discapacidade, amais de dar unha resposta preventiva e socializadora a familias en risco de exclusión”. No caso do persoal, fináncianse a contratación de persoas traballadoras administrativas e tituladas medias e superiores dos Servizos Sociais Comunitarios destes concellos, entre os que se inclúen os profesionais do Servizo de Educación e Apoio Familiar. 

O Salnés recibirá no conxunto do plan 418.302€, repartidos do seguinte xeito: Cambados (47.163 €), O Grove (65.235€), A Illa (21.014€), Meaño (55.042€), Meis (37.239€), Ribadumia (29.296€), Sanxenxo (80.374 €) e Vilanova (82.939€).

Depo en Marcha

Na Xunta de Goberno aprobouse este venres o listado das 130 asociacións de 45 concellos ás que se conceden as actividades formativas (tamén 130, unha por asociación) das que consta o programa provincial Depo en Marcha cun orzamento de 146.000 euros. Esta iniciativa, como subliñou Carmela Silva, está dirixida a asociacións de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia, “para favorecer o envellecemento activo con obradoiros que son espazos de encontro e intercambio de experiencias, fomentar a independencia e evitar illamento e soidade”. 

No Salnés son 17 colectivos, repartidos da seguinte forma: Sanxenxo (2); Vilagarcía (7); O Grove (2); Vilanova (1); A Illa (1); Cambados (2); Meaño (1); Ribadumia (1).