Bota a andar a Semana da Muller e a Cultura cun obradoiro de podcast

A participación é de balde e as interesadas dispoñen de prazo ata o día 29 para anotarse. Ofértanse 12 prazas. Será unha actividade práctica que se desenvolverá no Auditorio

Acto inaugural da Semana da Muller en Vilagarcía do ano pasado. DAVID FREIRE
photo_camera Acto inaugural da Semana da Muller en Vilagarcía do ano pasado. DAVID FREIRE

A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía volve a organizar a Semana Muller e Cultura, nunha edición que este ano se centra no sector audiovisual. A primeira das actividades deste programa será o obradoiro de creación de podcast que se desenvolverá os días 30 de novembro e 1 de decembro no Auditorio e no que poderán participar 12 mulleres.

Trátase dunha actividade gratuíta para a cal é preciso inscribirse, trámite que as interesadas poden facer ata o día 29 dirixíndose directamente ás dependencias de Igualdade-CIM ou a través do correo electrónico [email protected]. En ámbolos dous casos deberán presentar cuberto o formulario que poden obter no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.gal

Dúas graduadas en xornalismo e comunicación audiovisual, Belén Teiga e Celia Eiras, serán as encargadas de impartir o obradoiro. Tanto a unha coma a outra contan con experiencia na realización e edición deste novo xénero de emisión radiofónica e dixital xa que son autoras dos podcast sobre cultura e música 'Violentos anos vinte' e 'Notas ao marxe'.

O obradoiro realizarase en dúas sesións, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Na primeira tratarán aspectos como o formato e os tipos de podcast, a escritura de guións de radio, a planificación de episodios e de frecuencias, e daranse unhas introducións b&# 225;sicas sobre as técnicas de gravación.

A segunda xornada será totalmente práctica, de xeito que as participantes aprendan a gravar tendo en conta aspectos como a nivelación do audio e tamén abordando as técnicas de postprodución para a edición a corrección e mellora do son. Por último, tamén se comentarán as diferentes plataformas que existen para a distribución deste tipo de programas.

Poñer en valor o papel das mulleres creadoras

A Semana Muller e Cultura é un programa destinado a poñer en valor o papel das mulleres nos distintos eidos da cultura e a arte e de fomentar a inclusión de profesionais femininas en sectores que tradicionalmente foron copados por homes. A programación deseñada pola Área de de Igualdade-CIM do Concello de Vilagarcía está subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra. A axenda completa das actividades a desenvolver este ano presentarase proximamente.