"As mulleres non se achegan á construción porque descoñecen o que se fai neste traballo"

Formadora na Fundación Laboral, Maruxa Barros traballa a pé de obra. Espeleóloga, combina a súa faceta deportiva coa docencia e o traballo en altura. Hoxe percorre os institutos galegos dando a coñecer a realidade dunha profesión que quere contar con máis mulleres en plantilla

 Maruxa Barros, especialista entranallos en altura. DP
photo_camera Maruxa Barros, especialista entranallos en altura. DP

Maruxa Barros (Vigo, 1969) é unha profesional da construción que fai traballos en altura. Espeleóloga, vén de acadar a medalla de bronce no Campionato de España de Técnicas de Progresión Vertical. Combina a súa faceta deportiva (árbitro, adestradora e seleccionadora) coa actividade formadora na Fundación Laboral da Construción e traballa a pé de obra, malia que para iso tivese que demostrar a súa valía en varias ocasións. Hoxe, ademais, percorre os institutos galegos convidando á rapazada a coñecer a realidade dun sector que, asegura, non ten nada que ver a como era hai vinte anos.

O sector da construción acusa un importante déficit de man de obra. A realidade é que segue a ser un sector masculinizado, non?  
A realidade é que hai poucas mulleres. É certo que se ven máis facendo traballos no que é dentro das vivendas: facendo traballos de rehabilitación, pintando ou enlucindo paredes, dando llanos... máis que a pé de obra. No noso sector falta man de obra, pero creo que tamén é un problema de invisibilidade. Non é que non queramos entrar a traballar, pero non temos referentes.

Din desde o Colexio de Arquitectos Técnicos de Pontevedra (COATPO) este martes que o sector non ten nada que ver hoxe con hai vinte o trinta anos, pero que moita xente non o sabe.
Hoxe en día hai que formarse. Non é como antes. A xente segue tendo a idea de que é un traballo tan duro como era antes. Hoxe en día é un traballo como calquera outro, a tecnoloxía facilita moito as cousas. Hai tarefas moi duras que se suplen con maquinaria. Por outra banda, no relativo a Lei de Prevención, é certo que na construción hai moito que facer, pero non é como antes. Antes valía todo, agora non, a seguridade é moi importante, por exemplo, os sacos son de menos quilos, o traballo de maquinaria é fundamental... 

Por que se as cousas mudaron segue a ser un sector ocupado por homes maioritariamente?
Se as mulleres non se achegan máis ao noso colectivo é porque realmente non saben os traballos que facemos. Hai un descoñecemento global. Penso que principalmente falta información. Temos un montón de actividades onde elixir: cantería, colocación de fachadas... É tan grande o mundo da construción que hai un nicho para cada unha de nós.

Vostede fai traballos en altura. En que consiste a súa actividade? 
Suspendémonos en fachadas con dúas cordas ben para colocar paneis, cambios de cubertas, canalóns, reparación de fendas, colocación de placas solares, rehabilitacións... Empecei no 2009 pero naquel momento a construción estaba como estaba e non me chamaban por ser muller. Vían o meu currículum e me chamaban pero, ao final, non había sitio para min. Escoite moitas veces iso de «xa te chamaremos». Agora levo seis ou sete anos traballando.

Cando empezan a cambiar as cousas? Ten que ver coa escaseza de man de obra?
Como non hai outra persoa chámante a ti e, unha vez demostras a valía, volven chamar. É triste ter que dicir que as mulleres aínda temos que demostrar o que valemos. Os demais cando van traballar non teñen que demostrar nada. Actualmente son formadora da Fundación Laboral, teño dous certificados de profesionalidade con respecto a revestimentos continuos e sanementos.  Dou cursos de espazos confinados e traballos en altura... 

E ademais é espeleóloga.
Si, o tema de traballos verticais ten que ver coa  espeleoloxía, as técnicas, aínda que non son as mesmas, son similares. Tes que ter formación tamén en traballo vertical, pero si, son  técnico deportivo de espeleoloxía, árbitro, adestradora...  Toda a experiencia que teñas persoal e todo o que che gusta facer ben vale para a vida, sempre o digo nas charlas, calquera habilidade que teñas serve para aplicar na túa profesión.

Que ensinan ao alumnado dos institutos nestas conferencias?
Intentamos que reflexionen un pouco sobre as etiquetas e os esterotipos, que pensen se o cambio se está producindo ou se aínda hai profesións de homes e de mulleres. Eu cóntolles a miña experiencia e dígolles que teñen que buscar un pouco o que eles e elas queiran ou o que lles guste. Tamén lles falamos das condicións, que son boas. Os soldos son altos, o noso sector é un dos que ten máis días de convenio, dependendo das empresas ou non traballan os venres ou traballan ata as 4, as fins de semana non se traballa... 

Que lles sorprende ao alumnado? Como é a acollida?
A moitos rapaces e rapazas preocúpalles o salario. Moitos están dispostos a traballar en cousas que non lles guste a cambio dunha boa remuneración, ou acreditan se un traballo é de homes ou mulleres pensando na forza física. Coido que todavía queda moito por facer porque en canto se empezan a soltar decátaste de que eses roles están aí. Facemos un xogo a ver quen cre que é a operaria en construción e quen a orientadora laboral para que vexan que despois a realidade non é o que parece.