Ribadumia pecha o ciclo do Auditorio cun concerto solidario a favor de Cáritas

Este venres, a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia celebrará un concerto no Auditorio de Ribadumia e fará unha recollida de alimentos ▶ Esta será a última sesión que se celebre na instalación municipal ata mediados do mes de
xaneiro
Auditorio de Ribadumia. DS
photo_camera Auditorio de Ribadumia. DS

A programación do Auditorio de Ribadumia pechará esta fin de semana cunha actuación a cargo da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia. Será o venres 23 de decembro, ás 21.00 horas, cando os músicos interpreten un concerto acompañados de tres solistas da mesma agrupación: José Ramiro Pérez González, Víctor Bouzas Torrado e Claudia Rego Vieites.

A Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia organiza esta audición con fins solidarios, pois a veciñanza que se achegue a escoitala poderá entregar alimentos que irán destinados a Cáritas e así contribuír coa sociedade nestas datas onde os valores da xenerosidade e gratitude teñen o protagonismo.

Desde o goberno local convidan a todos e todas as veciñas do municipio e arredores a asistir a este evento, onde poderán gozar da música, aportar o seu gran de area nunha causa moi importante e solidaria e colaborar para cos máis necesitados. Con todas estas accións, o Auditorio porá o peche ao ano 2022 e esperará a abrir nova edición de 2023 con máis contidos de corte cultural e de entretemento para todas as idades.