O Concello abre as inscricións para participar na cabalgata de Reis

O goberno local anima á veciñanza a todos os nenos e nenas a participar na viaxe polo municipio que as Súas Maxestades de Oriente realizarán o vindeiro 5 de xaneiro ▶ Tamén permanece aberto o prazo para aqueles interesados e interesadas en axudar na elaboración das carrozas

Cabalgata de Reyes de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Cabalgata de Reyes. GONZALO GARCÍA

O Concello de Ribadumia informou que, o vindeiro 5 de xaneiro, os nenos e nenas do municipio teñen a posibilidade de percorrelo coas Súas Maxestades de Oriente a bordo das carrozas da Cabalgata de Reis. Para poder participar, os pais e nais terán de prazo ata o día 2 de xaneiro para inscribir aos seus fillos/as. 

Nestas datas de celebración, sinalan dende o ente local, o máis importante son as caras de ilusión e ledicia dos máis pequenos por ver aos Reis, pois levan todo un ano portándose ben e esperando a súa chegada para recibir unha recompensa a ese bo comportamento en forma de agasallos. 

Por este motivo, o Concello de Ribadumia invita e anima a todos os nenos e nenas a participar e coñecer aos Reis Magos durante a tarde do 5 de xaneiro, pois nelas gozarán da súa compañía e poderán vivir de preto o percorrido que realizarán polo municipio, así como repartir caramelos e demais larpeiradas a toda a veciñanza que asista a esta cita. 

Para máis información ou inscribirse, a veciñanza poderá chamar por teléfono ás oficinas municipais (986 718 491) e preguntar polo Departamento de Cultura. Amais, o Concello de Ribadumia tamén ten aberto o proceso de inscricións para todos os colaboradores que queiran axudar na elaboración e preparación das carrozas, para o cal os interesados/as poderanse anotar no correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono indicado anteriormente 986 718 491.