Un mes de cultura, letras, música, teatro e tradición da man de Sanxenxo Fala

▶ O Concello dá este mércores o pistoletazo de saída a un amplo programa que comeza cunha exposición de maios no Centro Cultural Deportivo
Unha actuación durante a presentación das actividades que se desenvolverán na Lanzada. DS
photo_camera Unha actuación durante a presentación das actividades que se desenvolverán na Lanzada. DS

Maio é, en Sanxenxo, o mes das letras, dentro dunha ampla axenda cultural que chega cargada de poesía, baile, música, teatro e actividades para os nenos e nenas, como epicentro dunha programación que comeza este mércores no Centro Cultural Deportivo cunha exposición de maios que, ante a previsión de choiva, levarase a cabo na sede do colectivo.

A actividade continuará o sábado, día 4, co II Encontro Manualidades na Rúa, que estará amenizado por Os Gatiños de Portonovo. A cita celebrarase de 17.00 a 21.00 horas na Praza do Mercado e, en caso de choiva, trasladarase ao Usos Múltiples de Portonovo. O venres 10 será o turno da compañía Oviravai, que levará O violín de Luisa ao Auditorio Emilia Pardo Bazán, con entrada de balde ata completar o aforo.

A segunda fin de semana de maio, o sábado 11 e o domingo 12, a actividade trasladarase á contorna da ermida da Lanzada, onde terá lugar a celebración da particular programación de A Lanzada de Maio, con dúas xornadas nas que se porá en valor o rito das nove ondas, e tamén haberá un mercado artesanal, teatro e música.

A actividade, organizada polo Concello de Sanxenxo e a Comisión de Festas da Lanzada, presentouse este luns cun evento que tivo lugar no Auditorio Emilia Pardo Bazán e, segundo consta no programa ao completo, comezará o sábado 11 cunha inauguración con pregoeira a cabalo e a actuación de Airiños, Os Gatiños e Lembranzas. Ás 12.00 horas abrirase a exposición de pintura 'As dúas portas da Lanzada' de Ana Cancela e terá lugar a presentación do libro 'Roteiro do Padre Sarmiento', de Marcelino Agís. Ás 12.30 horas haberá unha exhibición de loita de época con Ulf Klan, e xa a partir das 14.00 horas haberá xogos populares. Tatana Teatro, a partir das 17.00 horas ofrecerá un contacontos, de nome 'O tesouro da Lanzada', e media hora máis tarde comezará a visita guiada teatralizada 'O que viu o cormorán', á que lle seguirá unha actuación musical dende as 18.00 horas. A partir das 22.30 representarase o Rito das Nove Ondas e ás 23.00 horas haberá Cantos de Taberna a cargo dos Firrás. A partir da medianoite terá lugar a Noite Meiga con queimada. 

Na segunda xornada de A Lanzada de Maio, o domingo, 12 de maio, levarase a cabo unha homenaxe a Otilio, gaiteiro do Salnés, cunha  actuación de Airiños, e ás 12.00 horas haberá misa e procesión, á que lle seguirán os Cantos de Taberna desde as 12.45 horas.

O mesmo domingo tamén será a data na que se celebre a VI edición do Concurso de Música Tradicional Soalleira, organizada polo Concello de Sanxenxo e a Asociación Cultural Soalleira de Dorrón. As exhibicións están abertas ao público de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.30 horas.

O martes 14 terá lugar o espectáculo de Sole Felloza Contos coas Chaves do Tempo, que versará sobre a autora homenaxeada co gallo das Letras Galegas, Luísa Villalta. Ás 18.30 horas, na Biblioteca de Portonovo, e o mércores 15, Baia Fernández, levará á de Sanxenxo (19.30 horas) a actuación 'Caracol, cara de col'.

Letras Galegas: Homenaxe a Luísa Villalta, festival e actuacións
O venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase un acto homenaxe a Luísa Villata coa actuación de Dúo Silencio e Abiñadoira, na Praza de Pascual Veiga a partir das 12.00 horas, mentres que o sábado 18, na Curva de Portonovo, terá lugar o concerto Sons das Tabernas, ás 22.00 horas.

O día 19 será a quenda do festival das letras, +Q Cantigas, e do acto conmemorativo das Letras no CEIP O Cruceiro, e o luns 20, a Biblioteca de Vilalonga acollerá 'Conto Aventuras' (18.30 horas).

O venres 24, Cris de Caldas levará a biblioteca de Portonovo, a actividade'A conta delas', pensada para público adulto (20.00 horas) e, no Auditorio, Pepo Suevos, Manuel Manquiña e Dani Dopazo representarán Pais, fillos e outras bicherías (22.00 horas).