Ribadumia instala illas ecolóxicas por todo o municipio

A instalación foi levada a cabo pola empresa Gestión de Residuos Vimianzo S.L., dentro dun proxecto pertencente ó Plan Concellos 2022 que supuxo un investimento de 14.249,99 euros. 
As illas ecolóxicas instaladas en Ribadumia. DS
photo_camera As illas ecolóxicas instaladas en Ribadumia. DS

O Concello de Ribadumia instalou illas ecolóxicas en diversos espazos de todas as parroquias do municipio. Así, segundo o concello "continuáse satisfacendo as necesidades e aspiracións dos veciños, así como contribuír co correcto mantemento e estado dos espazos públicos para o seu uso libre por parte da cidadanía". 

As illas ecolóxicas son o agrupamento dos diferentes tipos de contedores de residuos existentes nun mesmo lugar físico, de forma que o usuario non teña que desprazarse a puntos dispersos para a vertedura dos residuos. Constan de catro contedores identificados pola súa cor e o tipo de residuo que contén: os de cor azul para a recollida de papel, amarelo para os envases de plástico e metal, verde para o vidro e marrón para os restos de alimentos, plantas, cascas de ovo ou posos, entre outros. 

Estes elementos foron instalados en todas as parroquias do concello divididas en dúas capacidades (120 litros e 90 litros) e a istalación foi levada a cabo pola empresa Gestión de Residuos Vimianzo S.L., dentro dun proxecto pertencente ó Plan Concellos 2022 que supuxo un investimento de 14.249,99 euros. 

Así, dende o concello declaran que "Ribadumia dálle continuidade ó seu labor humanizar e mellorar os equipamentos do municipio e concienciando á cidadanía sobre a importancia dunha correcta separación dos residuos".