Ribadumia prepárase para a celebración de dous tradicionais eventos esta fin de semana

O sábado 12 de agosto celebrarase a XX Festa do Pan do Salnés e o domingo terá lugar o XXXI Trofeo Concello de Ribadumia de fútbol
Presentación do Trofeo Concello de Ribadumia de fútbol. DS
photo_camera Presentación do XXXI Trofeo Concello de Ribadumia de fútbol. DS

O Concello de Ribadumia ten todo preparado para celebrar, esta fin de semana, a XX Festa do Pan do Salnés e o XXXI Trofeo Concello de Ribadumia, eventos de gran traxectoria e relevancia tanto para os veciños do municipio como para os visitantes.

O sábado 12 de agosto, a Carballeira de Ribadumia acollerá a celebración da Festa do Pan a partir das 17.00 horas, cando se comezan a recoller as sobremesas caseiras e empanadas presentadas ós concursos. Ás 18.30 horas terá lugar un obradoiro infantil para coñecer a tradicional elaboración do pan, con entrada totalmente libre sen inscrición previa.

Ás 19.30 horas farase unha viaxe ó pasado mediante o espectáculo Muiñada. Unha hora máis tarde, todos os asistentes e a organización sairán cara os Muíños do Batán acompañados do grupo Xironsa, onde se representará unha obra teatral a cargo do grupo Alecrín, antes da mostra de elaboración tradicional da moenda de millo.

Ás 22.00 horas regresarase á Carballeira de Ribadumia para gozar da cea de confraternidade a prezos populares, a entrega de premios dos concursos, inchables para toda a familia e posterior verbena a cargo do Dúo La Mecánica. Á medianoite degustarase queimada de forma gratuíta.

O domingo 13 de agosto o contexto muda totalmente e o Concello de Ribadumia celebrará o torneo de fútbol XXXI Trofeo Concello de Ribadumia, que enfrontará ó Umia CF, o CD Ribadumia e o Xuventude de Sisán CF, novidade desta edición, nun torneo triangular. Desde as 19.00 horas, no Campo de Fútbol A Bouza (Barrantes), poderase gozar deste espectáculo deportivo.